A metade dos concellos galegos con policía local xa delegaron os seus procesos selectivos na Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, explicou hoxe nunha resposta parlamentaria que un total de 65 concellos xa asinaron os convenios para delegar na Xunta os procesos selectivos de policías locais e auxiliares, o que supón o 50% dos 130 concellos galegos que contan con estes corpos.

A finais do ano 2017 a Xunta aprobou e publicou o decreto 115/2017 para regular a cooperación da Xunta cos concellos que, voluntariamente, decidan delegar na Administración autonómica a selección dos seus corpos de Policía Local. O obxectivo desta iniciativa é aforrar xestións, orzamento e tempo ás entidades locais, ao tempo que se dota ao proceso de maior transparencia e axilidade. Ademais, a confección de listas únicas facilita tamén a contratación.

Durante este proceso, o único que se delega na Xunta é o proceso selectivo. Polo tanto, para poder participar na convocatoria, os concellos deberán ter aprobada a súa Oferta de Emprego Público (OPE), dispoñer de Relación de Postos de Traballo (RPT) e contar con dotación orzamentaria. Tamén deben aprobar en Pleno a delegación de competencias para despois proceder a asinar o convenio e, posteriormente, deberán comunicar á Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) a tipoloxía e número de prazas que queren cubrir.

O ano pasado foi a primeira vez que se levaron á práctica estes procesos unitarios, cun alto grao de satisfacción. Entre maio e xuño de 2018 celebráronse as probas de auxiliares, con 109 prazas ofertadas en 24 concellos. Despois de realizar estas 109 contratacións, empregouse a lista de reserva para outras 59 prazas que se demandaron entre o ano pasado e este ano.

En novembro de 2018 comezou o proceso de selección para a categoría de policía local, que está rematando coa celebración, entre hoxe e pasado mañá, do último paso: o recoñecemento médico. Unha vez rematado o proceso e configurada a lista, as persoas aprobadas elixirán praza, tomarán posesión como funcionarios en práctica e comezarán o curso selectivo na AGASP. Neste caso, convocáronse 38 prazas en 23 concellos.

De cara ao 2019, o prazo aínda segue aberto xa que varios concellos pediron unha prórroga ata o 28 de febreiro para comunicar as prazas a convocar este ano, polo que as cifras non son definitivas. A previsión é realizar as oposicións de auxiliares durante o mes de marzo, e as de Policía local en abril.

En calquera caso, a Xunta xa mostrou a súa disposición a realizar os cursos selectivos que sexan necesarios para cubrir as prazas que precisen os concellos. Do mesmo xeito, se a convocatoria de abril de Policías Locais non fose suficiente, podería realizarse tamén unha convocatoria extraordinaria.

Nesta mesma liña de colaborar ao máximo cos concellos e facilitarlles a tramitación, o Consello da Xunta aprobou este mesmo mes unha modificación do decreto 115/2017 para axilizar os prazos do proceso. Este cambio inclúe reducir a 10 días o prazo de presentación de solicitudes para prazas de persoal auxiliar; poder utilizar o procedemento de urxencia por razóns de interese público, o que permitirá reducir á metade os prazos ordinarios en distintas partes do proceso; e reducir os tempos entre probas. Engade tamén a posibilidade de ampliación dos prazos establecidos para que os concellos comuniquen as prazas.

20 de febreiro de 2019 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.