A EGAP incrementa en 2019 as materias relacionadas coa igualdade, a administración electrónica e as políticas sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, informou hoxe no Parlamento galego sobre o programa de formación da EGAP para o ano 2019 que suporá a convocatoria de 523 edicións e 26.343 prazas destinadas ao persoal da Administración da comunidade autónoma de Galicia, das entidades locais e da Administración de xustiza, ao persoal de administración e servizos das universidades e ao persoal da Administración institucional e entes instrumentais do sector público de Galicia. Deste xeito, o programa presentado para 2019 ten previstas un 3% máis de edicións e un 5% máis de prazas que as convocadas no 2018.

Durante a súa intervención, a directora da EGAP destacou o importante papel do organismo dentro da Xunta de Galicia para ofrecer un mellor servizo á cidadanía e contribuír á modernización das administracións públicas da Comunidade Autónoma.

Un plan de formación universal e adecuado ás necesidades
Ao longo da súa comparecencia, Sonia Rodríguez-Campos fixo balance das premisas fundamentais que guiaron a elaboración do plan de formación de 2019. En primeiro lugar, fixo fincapé no reforzamento de materias como a igualdade, a administración electrónica e as políticas sociais. En consecuencia, durante 2019 a EGAP incrementou de xeito importante os cursos relativos a estas áreas e fíxoas accesibles a todos os empregados públicos a través da súa inclusión dentro do programa de autoformación. Entre elas destaca o importante pulo dado aos cursos relativos a igualdade e prevención da violencia de xénero que comportará a convocatoria ao longo do ano de 31 actividades de formación continua e 1765 prazas.

Ademais, a directora da EGAP tamén quixo resaltar a adecuación do programa formativo ás necesidades reais da Administración e dos destinatarios, o cal se consigue a través dunha comunicación constante e directa coa propia Administración e co alumnado, ademais de coa análise da demanda das actividades de anos anteriores e dos resultados de satisfacción coa formación recibida.

Por outra parte, destacou a universalización da actividade docente que supuxo a incorporación progresiva de novos colectivos á formación da Escola –en 2014 o persoal de administración e servizos das universidades e en 2015 o persoal da Administración institucional e entes instrumentais do sector público de Galicia-. Así, o plan de formación de 2019 configúrase como un documento marco dirixido a todos estes colectivos que dota de unidade e coherencia ao conxunto da oferta. Isto, unido aos cursos específicos de convenio e ás xornadas e ciclos monográficos para a cidadanía en xeral demostra a vontade da Xunta de Galicia de abrir a actividade da EGAP á sociedade.

Finalmente, a directora da EGAP resaltou a aposta polas diferentes contornas de aprendizaxe e metodoloxías, entre as cales se atopan a docencia presencial, a teleformación e a autoformación. A pluralidade de formatos, modalidades e metodoloxías contribuirá en 2019 á adaptación da formación ás necesidades do alumnado, eliminando as eventuais barreiras existentes no acceso e promovendo, ademais, a conciliación entre a vida familiar e laboral.

Outras actividades convocadas pola Escola
Sonia Rodríguez-Campos rematou a súa intervención lembrando que a formación da EGAP se verá incrementada ao longo do ano coa convocatoria de novos cursos superiores, monográficos e xornadas sobre materias incidentes no sector público. Así, nos próximos meses a Escola levará a cabo actividades sobre a Lei 40/2015 e o exercicio da competencia administrativa, a coeducación emocional para a igualdade ou o patrimonio cultural como instrumento de desenvolvemento sustentable e de relevancia turística, entre outros.

20 de febreiro de 2019 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.