Rueda valora os avances na loita contra a violencia de xénero pero lamenta o bloqueo do financiamento autonómico e da reforma educativa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Alfonso Rueda en Madrid

Alfonso Rueda en Madrid

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou hoxe en Madrid na reunión de seguimento do cumprimento dos acordos da Conferencia de Presidentes de hai dous anos, onde valorou os avances realizados na loita contra a violencia de xénero pero lamentou o bloqueo da reforma do financiamento autonómico e do Pacto educativo.

Tras a reunión, presidida pola ministra de Política Territorial e Función Pública, Meritxell Batet, Rueda, valorou que se teña avanzado en materias tan relevantes como a loita contra a violencia de xénero, grazas fundamentalmente á aprobación e aplicación do Pacto de Estado.

Con todo, lamentou que se teña paralizado a definición dun novo sistema de financiamento autonómico e local, unha das cuestións que máis preocupa ás comunidades autónomas e que se acordara na anterior Conferencia de Presidentes. Na mesma liña, reprobou tamén que o Goberno central desbotara o Pacto pola educación -que xa estaba moi avanzado- e que estea a preparar unha nova reforma de forma unilateral, na que non existe ese consenso.

Polo tanto, dos tres grandes asuntos acordados na anterior Conferencia de Presidentes -financiamento autonómico, pacto educativo e loita contra a violencia de xénero-, só se avanzou neste último.

Xa por último, reclamou a necesidade de convocar no prazo máis breve posible unha nova Conferencia de Presidentes para seguir tratando estes temas, así como outros asuntos novos que sexan de interese para as comunidades autónomas e o Goberno central.

30 de xaneiro de 2019 | 16:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.