publicidade hoxe

O Sergas somete a información pública o proxecto sectorial para a ampliación do hospital Gran Montecelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereita
A-
A+

O Servizo Galego de Saúde somete a información pública o proxecto sectorial para a ampliación do Hospital Gran Montecelo de Pontevedra, incluído o estudo ambiental estratéxico que conta coa declaración de incidencia supramunicipal dende xuño do pasado ano. Así o anuncia unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Sergas publicada na edición de hoxe do Diario Oficial de Galicia (DOG). Con este anuncio, a Consellería de Sanidade da un paso máis cara a materialización desta nova infraestrutura sanitaria na capital do Lérez, dando cumprimento aos prazos previstos.

O proxecto sectorial para a ampliación do Gran Montecelo, incluído o estudo ambiental estratéxico, estará exposto a información pública por un período de 45 días hábiles (pode consultarse na web do Sergas). Durante este período os interesados non só poderán consultar o documento senón tamén presentar as alegacións que consideren oportunas.

Esta actuación, que conta cun investimento estimado de 140 millóns de euros, converterá ao Gran Montecelo nun hospital máis amplo e máis cómodo e un 50% máis de superficie, pasando de 79.500 a 118.000 metros cadrados. O hospital disporá tamén dun 92% máis de salas e postos de urxencias; dun 57% de cuartos individuais (fronte ao 36% actuais) e dun 49% de postos no Hospital de Día, que pasan de 109 a 162.

Novas dotacións

Con esta actuación, o Sergas ampliará e potenciará a carteira de servizos no Gran Montecelo. Deste xeito, e segundo recolle o Plan funcional, o Gran Montecelo contará cunha nova UCI pediátrica, cunha nova unidade de Oncoloxía radioterápica; cunha nova área de Medicina Nuclear e cunha nova Unidade de Traballo, Parto e Recuperación do bloque obstétrico (UTPR), que permitirá que nunha única sala se atenda todo o proceso de dilatación, parto e recuperación.

Ademais, potenciarase o Servizo de Neonatoloxía e na Área Cardiovascular, o Gran Montecelo contará cunha sala de Hemodinámica e unha sala de Radioloxía vascular periférica. Tamén disporá dunha Unidade de Endoscopia Multidisciplinar (Dixestivos, Neumoloxía, Uroloxía e Xinecoloxía) e dunha Unidade de Diagnóstico Biolóxico (Análises Clínicas, Hematoloxía, Microbioloxía e Anatomía Patolóxica). E potenciarase o Hospital de Día Médico Polivalente Multidisciplinar e Oncohematolóxico.

Co Gran Montecelo, a cidadanía de Pontevedra contará cun hospital público máis amplo, máis humano e con capacidade para atender as necesidades asistenciais dos vindeiros 50 anos. Este novo hospital terá espazos máis acolledores en áreas máis sensibles, como a diálise, o hospital de día de oncoloxía, coidados paliativos ou a zona materno-infantil.

Coa ampliación do Gran Montecelo, o Goberno galego non só garantirá a prestación e a atención sanitaria a unha poboación de preto de 300.000 habitantes coa máis moderna tecnoloxía, senón que segue a completar a mellora do mapa hospitalario de Galicia, en xeral, e de Pontevedra, en particular.

15 de xaneiro de 2019 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.