O Programa Integrado de Emprego Terras de Iria V está a formar a 100 desempregados de Dodro, Padrón e Rois
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe en Padrón aos alumnos e alumnas que están a formarse no Programa Integrado de Emprego (PIE) Terras de Iria V, unha iniciativa cun ano de duración e cun obxectivo de inserción laboral do 35%, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria financia ao 100%, a través dunha axuda de 250.000 euros. En total, están a participar 100 persoas desempregadas, principalmente mulleres, parados de longa duración, menores de 30 e maiores de 45 anos.
Marnotes salientou o bo resultado dos programas integrados que teñen como reto principal incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da formación, o asesoramento e as prácticas en empresas da contorna. Neste senso, sinalou a aposta da Administración autonómica por plans que combinen formación e prácticas dando resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade. De feito, o programa da edición anterior, que tamén compartiron os concellos de Dodro, Padrón e Rois, rematou cunha inserción laboral do 54% dos 85 alumnos e alumnas que participaron.
A formación que se ofrece a través do Terras de Iria V está a centrarse no sector do metal, a hostalería e para traballar en supermercados. Tamén se ofrece ao alumnado a posibilidade de obter o carné de camión C e Cap e de sacar o certificado de profesionalidade de atención a dependentes en institucións sociais. En total, ofreceranse 2200 horas de formación.
Na actualidade, estanse desenvolvendo en toda Galicia 48 programas integrados para apoiar a 4800 desempregados. Así, coa participación de 58 concellos e 24 entidades e cun investimento de 11 millóns de euros, a Xunta sigue apostando pola colaboración para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.
No conxunto da provincia da Coruña, a Xunta desenvolve nesta nova convocatoria un total de nove programas integrados grazas a un investimento que supera os 1,7 millóns e chegarán a 900 desempregados. A iniciativa conta coa participación de 20 concellos.
Nesta edición do programa priorizouse por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais, como é o caso de Dodro. Tamén se concederon programas integrados específicos para mulleres e se primou a aqueles proxectos nos que se implicou o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.
Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.