O DOG publica o canon de Sogama para o 2019 que prevé unha redución dun 10% para os concellos adheridos que reciclen máis
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe -tal e como trasladou onte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a resolución pola que se fai público o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos que deberá aplicar a Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama) para o ano 2019 e que recolle, como principal novidade unha bonificación dun 10% a todos os concellos que se comprometan a incrementar a porcentaxe de reciclaxe.
Deste xeito, o canon que Sogama repercute aos concellos establécese en 69,83 euros actuais por tonelada de lixo; tendo en conta os datos fornecidos polo Instituto Nacional de Estatística, a taxa de variación anual do índice de prezos ao consumo correspondente a decembro de 2018 foi do 1,2 %.
Cómpre lembrar que esta é a segunda rebaixa que se fai no custe deste servizo; xa que en 2015 a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), participada nun 51% pola Xunta de Galicia, decidiu baixar nun 10% o canon, esta no marco da revisión do plan de viabilidade 2013-2022, que rexerá as súas actuacións durante os vindeiros anos.











