Medio Ambiente destina 2,5 millóns de euros para crear ou mellorar as infraestruturas urbanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convoca hoxe unha orde de axudas dotada de case 2,5 millóns de euros para crear ou mellorar as infraestruturas urbanas nos concellos galegos. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas pola que se establecen as bases reguladoras para á creación ou mellora de infraestruturas para os concellos de Galicia con poboación inferior a 50.000 habitantes.

En base a esta orde, en réxime de concorrencia competitiva, serán subvencionables aquelas actuacións que busquen mellorar as infraestruturas públicas, a humanización e mellora urbanas de rúas ou de espazos públicos. Os beneficiarios, os concellos con menos de 50.000 habitantes, deberán cumprir unha serie de requisitos, como ter remitida ao Consello de Contas a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario 2017 antes do remate do prazo de presentación da solicitude de axuda, non estar incursos en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención, e acreditar a viabilidade do proxecto referido ao ámbito no que se pretenden realizar as actuacións obxecto da solicitude.

Medio Ambiente achegará un 80% do orzamento de cada actuación que pretenda crear infraestruturas, dotacións, instalacións vinculados á prestación de servizos municipais, como a humanización de rúas, de espazos públicos, e terá un límite máximo de 96.800 euros por proxecto.

A Consellería de Medio Ambiente promove esta liña de axudas para colaborar no desenvolvemento de actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas e servizos; en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.

Con esta liña de actuación dáse resposta ao obxectivo de promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos, con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social; mellorar as dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos, para ofrecer unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación, co fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos da nosa comunidade autónoma; e fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico das vilas.

Presentación de solicitudes e criterios de valoración

Os concellos interesados en acollerse a esta liña de axudas deberán presentar e tramitar a correspondente solicitude unicamente por medios electrónicos, así como a presentación da documentación complementaria, que deberá achegar como mínimo a memoria explicativa do proxecto, o orzamento detallado e planos a escala suficiente. O prazo para a presentación das solicitudes é dun mes, a contar dende o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

A Xunta de Galicia estableceu unha serie de criterios para determinar a axuda económica que se concederá, polo que se terá en conta a situación do planeamento de cada concello, concedendo a maior puntuación a aqueles que conten cun plan xeral aprobado ao abeiro da lei 9/2002. Tamén se terá en conta o tipo de actuación e a súa localización. Por último, analizarase a acreditación dunha boa xestión e o esforzo fiscal da administración local en atención á contribución media por habitante ao orzamento de ingresos liquidado de 2017.

23 de xaneiro de 2019 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.