Galicia leva nove meses sendo a Comunidade Autónoma que mellor paga as súas facturas, segundo os datos oficiais
Galicia pechou o mes de novembro sendo a comunidade autónoma que mellor paga as súas facturas, o que supón que xa acumula nove meses consecutivos como a comunidade que atende con máis axilidade aos seus provedores, segundo os datos oficiais publicados hoxe polo Ministerio de Facenda.
En concreto, Galicia acadou no mes de novembro un período medio de pago de 14,2 días, inferior ao mes anterior (14,8). Deste xeito, o período medio de pago de Galicia mantívose case 16 días por debaixo do límite que establece a normativa estatal, que é de 30 días. En contraste, a media autonómica situouse en 33,2 días, o que mostra que Galicia aboa os seus pagamentos case 20 días antes que o conxunto das comunidades.
Os datos oficiais do Ministerio de Facenda inclúen desde o mes de abril unha nova metodoloxía de cálculo do período medio de pago a provedores que se aplica a todas as autonomías. Pese a este cambio, Galicia mantense mes a mes como a comunidade que paga con máis axilidade as facturas aos provedores que traballan coa Xunta.
En canto á débeda comercial, a ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no 0,24%, a segunda máis baixa de toda España. Neste momento, a débeda comercial é inferior á media autonómica (0,37%), logo de que Galicia conseguise reducir este indicador un 40% no último ano ata rebaixalo aos 150,2 millóns de euros.
Os datos do Ministerio de Facenda volven ratificar que Galicia está a ser durante todo o 2018 a comunidade que mellor atende aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega.











