publicidade hoxe

Feijóo: “antes de finalizar o mes de marzo a Xunta terá publicadas 30 liñas de axuda por valor de 100 millóns de euros para o tecido económico empresarial e autónomo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaMoañaPontevedraPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego na visita a Fandicosta

O presidente galego na visita a Fandicosta

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que ata o vindeiro mes de marzo a Xunta terá publicadas 30 convocatorias de axudas á disposición de todo o tecido económico empresarial e autónomo de Galicia por un valor de 100 millóns de euros. E subliñou que, con este obxectivo, a Xunta está a celebrar en varios concellos galegos distintas reunións con empresarios, autónomos e emprendedores para dar a coñecer estas iniciativas que a Xunta ten en vigor.

“Neste momento estamos a traballar en dúas ordes que mobilizarán sete millóns de euros para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais e para crear viveiros industriais; así como nunha convocatoria para impulsar a eficiencia enerxética que mobilizará máis de 24 millóns de euros”, aseverou. A isto que hai que engadir que este mesmo mes sairán publicadas as axudas, con 14 millóns, para a promoción do emprego autónomo e a consolidación de pemes de nova creación de base tecnolóxica.

Durante unha visita ás novas instalacións de Fandicosta, Feijóo precisou que destas liñas xa están publicadas no DOG algunhas como o programa Galicia Inviste, para facilitar financiamento a 140 pemes galegas, cubrindo ata o 30% do investimento que vaian facer e coa previsión de mobilizar 40 millóns de euros.

Así mesmo lembrou que xa están convocadas, tamén, as axudas para impulsar a dixitalización das pemes galegas. Unha iniciativa que forma parte dun paquete máis amplo que se irá convocando en vindeiras datas e que permitirá mobilizar 70 millóns de euros para que a tecnoloxía dixital siga avanzando na industria e nas empresas galegas.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego aseverou que a Xunta seguirá apoiando o tecido empresarial galego, co obxectivo de que calquera empresa ou emprendedor poida acadar novos retos, novos obxectivos, innovar, facer plans de expansión e abrirse ao mercado internacional. Poñendo ao seu alcance todo un abano de recursos que teñen como finalidade incrementar a competitividade, ben sexa: impulsando a súa transformación dixital, con axudas para que poidan gañar cota de mercado internacional, promovendo a eficiencia enerxética, a contratación e a formación de profesionais nos seus cadros de persoal, ou mesmo con vantaxes no acceso ao solo industrial.

Neste mesmo sentido, o responsable autonómico referiuse a Fandicosta como un modelo de empresa que, en lugar de achicarse ante a adversidade, optou por poñerlle solución en tempo récord sacando partido dos seus puntos fortes, apostando pola versatilidade e mellorando as áreas de envasado, de refrixeración e de almacenamento, conseguindo ampliar o catálogo de produtos para satisfacer unha demanda máis heteroxénea e chegar a máis mercados.

Con presenza en máis de 34 países e máis de 25.000 puntos de venda en toda Europa, Fandicosta logrou en tempo récord recuperar os volumes de facturación previos ao sinistro; e, ao mesmo tempo, mirar aos próximos tres anos con novos e ambiciosos obxectivos que recolle o seu plan estratéxico como, por exemplo, acadar un nivel de facturación de 150 millóns de euros, ou chegar ao 70% no volume de vendas ao exterior.

Feijóo concluíu resaltando os datos de exportacións ata novembro, que constatan que a Comunidade segue crecendo por riba da media do Estado, un 7,2% fronte ao 3,4% do conxunto de España. E, ademais, neste período acadouse un superávit comercial de 3.677 millóns de euros, mentres que o conxunto do Estado ten unha balanza comercial negativa cun déficit de máis 30.000 millóns de euros.

23 de xaneiro de 2019 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.