publicidade hoxe

A Xunta solicítalle ao Ministerio que destine ao dragado da ría do Burgo parte dos fondos europeos que non se poden investir na Edar de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta solicítalle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que destine ao dragado da ría do Burgo parte dos fondos europeos que non se poderán investir no prazo obrigado na depuradora de Santiago de Compostela.

As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; e do Mar, Rosa Quintana abordaron hoxe a mellora ambiental da ría do Burgo co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e os alcaldes da Coruña, Culleredo, Cambre e Oleiros.

As titulares dos citados departamentos autonómicos fixeron fincapé en que eses fondos europeos teñen que quedar na comunidade e ser dirixidos á ría do Burgo e a infraestruturas hidráulicas autonómicas, pois trátase de investimentos que Europa proxectaba investir en Galicia e non noutras partes de España.

Ethel Vázquez sinalou que o Goberno central ten pendente completar a rexeneración ambiental dese espazo, xa que só a Xunta acometeu as súas responsabilidades. Así, en novembro púxose en servizo a última obra da mellora do saneamento da ría, completando 100 M€ investidos.

Subliñou que agora é o Goberno central quen ten que avanzar no eido das súas competencias e abordar o dragado ambiental da ría, unha competencia exclusivamente estatal, ao formar parte do Dominio Público Marítimo Terrestre.

A Xunta vén amosando a súa continua colaboración con todas as administracións para avanzar na mellora desta ría. Non obstante, a proposta de hoxe do Ministerio é chamativa, pois suxire que o Goberno galego e os concellos cofinancien o 50% dunha obra da súa competencia cun custe de 46 M€, menos da metade do que o Goberno galego xa investiu no saneamento da ría.

O Executivo autonómico tamén reiterou o ofrecemento de 2015 de cofinanciar nun 10% un plan social de axuda aos mariscadores que non puideran traballar durante a execución das actuacións, o que foi rexeitado polo Ministerio.

Presupostos Xerais do Estado

Por outra parte, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, referiuse aos Presupostos Xerais do Estado como “malos para Galicia desde todos os puntos de vista”.

En termos cuantitativos, Vázquez Mourelle indicou que Galicia perde investimentos por valor de máis de 160 M€, un 18% menos que o previsto en 2018.

No eido cualitativo, subliñou que Galicia perde peso no conxunto dos investimentos estatais. Durante os últimos anos, a comunidade sempre roldou o 10% do gasto territorializado e este ano só o 6,22% do total, mentres, por exemplo, Cataluña sube desde do 13 ao 17%.

Destacou que se trata dun agravio a Galicia e ás súas necesidades en infraestruturas. Puntualizou que este ano prevese a finalización das obras do AVE e iso podería xustificar un descenso nas partidas do ferrocarril, pero hai ausencia de recursos para necesidades ferroviarias como a mellora do tren entre A Coruña e Ferrol ou a Variante de Cerdedo.

No relativo ás estradas, a conselleira explicou que non se prevén investimentos en ningunha das obras planificadas na AP-9: Alfonso Molina e Vial 18, na Coruña; Enlace Orbital, en Santiago; Nudo de Bombeiros, en Pontevedra; a remodelación do enlace de Buenos Aires, en Vigo; ou a supresión da peaxe de Redondela.

Os presupostos tampouco inclúen partidas para obras fundamentais como os novos treitos da circunvalación de Pontevedra; as autovías Vigo-Porriño, a da Mariña ou a Lugo-Ourense.

A titular de Infraestruturas indicou que as contas constatan a falta de palabra do Goberno central “ao prever 0 euros en 2019 e pouco máis para 2020 para Variante Norte de Ourense, pese a que hai poucos días prometeron que se licitaría este ano”.

Engadiu que aínda que existe un convenio que contempla que a variante de Ponteareas a construiría o Ministerio, agora este solicita que a execute a Xunta e achega unha partida insuficiente.

Fixo referencia autovía Santiago – Lugo, fundamental para o Xacobeo 21, que ve as súas partidas minimizadas e os prazos sen acurtar, en contra do que pedira o Goberno galego.

Ethel Vázquez tamén cualificou de pésimo o balance destas contas en relación ás obras hidráulicas. Precisou que tan só constan 65.000 euros na renovación do saneamento de Santiago e nada nas obras declaradas de interese xeral do Estado. Tampouco figura o orzamento na solución do problema de abastecemento de Vigo, tal e como se acordara.

 

15 de xaneiro de 2019 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.