publicidade hoxe

A Xunta pon en marcha a primeira vivenda tutelada especializada para mulleres con enfermidade mental vítimas da violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal PortadaLugoPortada esquerda
A-
A+

A Xunta pon en marcha a primeira vivenda tutelada especializada para mulleres vítimas da violencia con enfermidade mental, tal e como indicou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no acto de presentación que tivo lugar na sede da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental “A Mariña”.

Alfonso Rueda, acompañado da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e dos alcaldes de Cervo e Burela, Alfonso Villares e Alfredo Llano, explicou que se trata da primeira vivenda destas características que se pon en marcha en Galicia, sendo outra das medidas levadas a cabo ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

A vivenda contará con 4 prazas e prestará unha atención integral ás mulleres con enfermidade mental que padecen violencia de xénero, proporcionando apoio, aloxamento, manutención ás mulleres e aos seus fillos e fillas.

Complementa a Rede galega de acollemento, que conta con vivendas nos concellos da Coruña, Lugo, Ourense, Culleredo e Ferrol e o CEMVI (Centro de Emerxencia de Vigo), que levan atendidas a 2.400 persoas -mulleres e os seus fillos e fillas- ata 2017.

E dá cumprimento a un dos obxectivos fixados no Pacto de Estado contra a violencia de xénero que recolle a necesidade de seguir avanzando na adaptación dos recursos, como casas de acollida, para que sexan axeitados para as mulleres.

14 de xaneiro de 2019 | 16:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.