publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta investiu 33.373 euros para mellorar a competitividade do polígono empresarial de Campo Lameiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo LameiroLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o polígono empresarial de Campo Lameiro, en compaña do alcalde da localidade, Julio Sayáns, así como do xefe territorial de Industria, Ignacio Rial, co obxectivo de comprobar as obras executadas neste parque para mellorar a súa competitividade.

Tal e como explicou Cores Tourís, estes traballos, centrados na mellora do centro de xestión de residuos desta área, executáronse grazas a unha axuda achegada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, da que tamén se beneficiaron outros 7 polígonos empresariais na provincia. En total, dende este departamento autonómico destináronse a executar melloras de seguridade, pavimentacións, construcións de centros de xestión de residuos, mellora de firmes e sinalizacións a través dun importe global de 254.000 euros.

Grazas a esta axuda, de 33.373 euros, é dicir, o 80% do total do investimento (41.717 euros), o concello de Campo Lameiro mellorou este centro coa execución dunha caseta para o control da instalación e coa construción dun cuberto para o almacenaxe dos residuos que teñan que estar resgardados.

As actuacións consistiron na preparación dunha bancada de formigón para apoio dunha caseta modular prefabricada con aseo incluído, e cunha superficie duns 9,64 metros cadrados, conectando as instalacións de servizos ás redes existentes na parcela. En canto ao novo cuberto, a superficie do mesmo é de 163,10 metros cadrados e conta cunha estrutura metálica con cuberta e pechado de chapa metálica, a excepción da parte inferior do cerramento de bloque visto, cunha altura de 1,20 metros. No alzado sur proxectouse un portalón corredoiro para acceso de vehículos.

Ademais, José Manuel Cores Tourís quixo aproveitar a visita para recordar aos concellos da comarca de Pontevedra que as axudas destinadas á habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais publicáronse o pasado venres 11 de xaneiro, e rematará o 11 de febreiro. O Goberno galego destina a esta actuación máis de 4 millóns de euros cos que prevé apoiar 54 proxectos e xerar 104 empregos. Estímase que o investimento mobilizado supere os 5,2 millóns.

A Xunta financia a través desta actuación, ata un máximo do 80% do custo global dos proxectos, os plans presentados polos concellos para implantar nos parques empresariais plantas de depuración de augas, incluídos os colectores con vertedura á depuradora municipal e/ou instalar sistemas de seguridade e vixilancia, de protección destinados á loita contra incendios e contra o roubo de cable. Tamén apoiaranse proxectos referidos á mellora de infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores, así como a xestión de residuos. En todos os casos financiaranse tamén os gastos de redacción do proxecto e de dirección da obra. A axuda máxima será de 120.000 euros por solicitude, que alcanzará os 138.000 euros para os concellos procedentes de fusións ou agrupacións de concellos.

Á hora de valorar as solicitudes terase en conta, entre outros, a superficie do parque, o seu nivel de ocupación, a poboación do concello no que se atopa o polígono e se as solicitudes proceden de Concellos Emprendedores, fusionados ou agrupados.

“Grazas a estas axudas, a Xunta de Galicia colabora cos concellos para dinamizar a competitividade destes parques empresariais e industriais, adecuando vellas infraestruturas e dotándoos de novos servizos”, engadiu José Manuel Cores Tourís. “O noso obxectivo é mellorar non só a competitividade das firmas xa asentadas, senón tamén atraer a novas empresas, para o que, ademais, a Administración autonómica puxo en marcha o protocolo Doing Business en colaboración ao Fegamp”, rematou o delegado territorial quen recordou que a través desta iniciativa, os concellos adheridos poden gozar de rebaixas fiscais que ofrecerán ás empresas que se instalen nos polígonos destes concellos. Ademais, os concellos que se adhiran á iniciativa terán preferencias nas convocatorias autonómicas destinadas a impulsar o emprego, a industria e o emprendemento cando se formulen en réxime de concorrencia competitiva.

23 de xaneiro de 2019 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.