A Xunta garante a continuidade de Emprural tras lograr a inserción laboral do 40% dos xóvenes participantes
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, garantiu hoxe, en comisión parlamentaria, a continuidade do programa Emprural posto en marcha hai un ano co obxectivo de favorecer a inserción laboral e a empregabilidade da mocidade no rural. Ademais, fixo un balance positivo desta iniciativa, xa que o 40% das persoas que realizaron estadías formativas en empresas atoparon traballo.
En concreto, Emprural contou coa participación de 62 persoas entre os 16 e os 30 anos de idade (38 mozos e 24 mozas) que están na fase final dos seus estudos, os abandonaron ou son desempregados. Destes, 46 optaron por completar a súa formación en empresas con prácticas entre os meses de xullo a setembro e 20 conseguiron un emprego. Nestas estadías formativas colaboraron empresas dos ámbitos gandeiro, vacún leiteiro, lácteo queixeiro, ovino, canino, xenética, xardinería, cunicultura, equino, deseño de moda ou comercio, entre outros ámbitos.
Cómpre indicar que aos participantes que non quixeron facer prácticas, facilitóuselles asesoramento individualizado e orientación tanto na busca activa de emprego como na elaboración dun plan de negocio ou ben na súa reincorporación ao sistema educativo para retomar os estudos.
Cristina Pichel sinalou que Emprural é unha mostra máis da aposta da Xunta polas “grandes posibilidades que ofrece o rural galego para vivir, desenvolverse e prosperar, en especial para a xente nova”. Neste sentido, garantiu a continuidade deste programa, do que destacou como principais vantaxes o feito de que os participantes adquiren nova formación e competencias, conéctaos de xeito directo co territorio rural e supón unha auténtica porta aberta ao emprego.
Visita granxa vacún
Precisamente, esta mañá a directora xeral de Xuventude visitou a SAT Vila Alborés, unha explotación leiteira de vacún situada nunha parroquia do concello de Mazaricos na que conseguiu un contrato laboral un mozo que previamente realizou prácticas nesta granxa ao abeiro do programa Emprural.











