A Oferta Pública de Emprego en educación permitirá baixar a taxa de interinidade ao 7%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, anunciou esta mañá que a Oferta Pública de Emprego que o seu departamento vai convocar neste primeiro trimestre do ano vai permitir baixar a taxa de interinidade docente a, aproximadamente, un 7%. O número de prazas ascenderá a 2.064, en 35 especialidades diferentes, coas que Galicia continuará a ser a comunidade Autónoma con menor porcentaxe de interinos entre o seu profesorado.

Nunha entrevista no programa Bos días da Televisión de Galicia, a conselleira explicou ademais que o seu departamento ten previsto ofertar un amplo número de vacantes no concurso de traslados convocado para este ano, que contribuirá tamén a estabilizar o corpo docente en Galicia. Neste sentido, Pomar salientou o compromiso da Consellería con dotar ao profesorado da maior estabilidade posible, o que redunda tamén nunha mellor calidade do ensino.

Sistema equitativo

Carmen Pomar salientou o labor do profesorado, que está coñecer de primeira man na rolda de visitas a centros educativos que está a realizar desde que chegou á Consellería e nos que se está a atopar “con equipos docentes moi comprometidos e con proxectos educativos pioneiros que son referencia para outras Comunidades Autónomas”.

A este respecto fixo fincapé no equitativo que é o sistema educativo galego, pese ás dificultades que impón a dispersión poboacional e xeográfica. Aínda así, programas como “o ensino de idiomas, as novas tecnoloxías e o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares funcionan na meirande parte dos centros”.

Orientación

A conselleira quixo lembrar que un dos principais obxectivos do seu departamento é avanzar cara un sistema cada vez máis equitativo e máis inclusivo, para o que xa se está a traballando en tres protocolos de atención e intervención específica para alumnado con dislexia, con altas capacidades e con discapacidade auditiva. “ Estes tres protocolos verán a luz nos vindeiros meses”, sinalou.

Así mesmo explicou que se vai elaborar un Plan de orientación vocacional e profesional para o alumnado desde primaria ata bacharelato, que prestará tamén atención á orientación persoal dos alumnos. Esta iniciativa virá a completar accións como as que a Consellería desenvolve para fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas en primaria, sobre todo entre as nenas.

A FP, garantía de futuro

No referido ás opcións do alumnado á hora de escoller estudos medios e superiores, Carmen Pomar cualificou a Formación Profesional como “unha garantía de futuro neste momento en Galicia”, cunha empregabilidade do 80% e do 90% cando falamos de FP Dual.

A conselleira explicou que o alumnado que remata a FP faino “cunha formación magnífica e ten moitísima demanda por parte do tecido produtivo e empresarial”, que cada vez está máis concienciada da calidade dos profesionais que cursan estas ensinanzas.

Universidade adaptada ás demandas

No referido á universidade, a conselleira lembrou que o Sistema Universitario de Galicia conta cun Plan de Financiamento estable e pactado ata 2020, o que permite avanzar en cuestións de relevancia neste momento, como é a redefinición do Mapa de Titulacións. “As demandas da sociedade non son as mesmas que hai 10 ou 20 anos”, dixo, sinalando a importancia de adaptar as titulacións ás necesidades da sociedade e do tecido produtivo.

Así mesmo, Carmen Pomar comprometeuse a seguir dando pulo á investigación universitaria galega, que conta xa con centros de investigación “que son referencia non só en España senón tamén fóra”.

30 de xaneiro de 2019 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.