publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta mobiliza 30 millóns de euros na urbanización do Parque Ofimático na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que a Xunta de Galicia mobiliza un orzamento de 30 millóns de euros na urbanización do Parque Ofimático da Coruña. A conselleira visitou esta mañá as obras de construción de 40 novas vivendas de promoción pública, nunha parcela do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) que conta cunha superficie 1.280 metros cadrados.

Grazas aos preto de 5 millóns de euros que se destinan a esta actuación construirase un edificio de 5 plantas e 3 sotos, no que tamén se poderán habilitar 5 locais comerciais; polo que se habilitarán 40 vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios, das cales dúas estarán totalmente adaptadas para persoas con mobilidade reducida e todas estarán dotadas de rocho e praza de garaxe.

Recordou que o inicio das obras tivo que aprazarse ata o mes de outubro debido á falta dunha licencia municipal, que foi solicitada en decembro de 2016 e que foi concedida en agosto de 2018. Dende esa data, a Xunta axilizou os trámites ao máximo co obxectivo de conseguir que estas vivendas sexan unha realidade canto antes, acadando que as obras -que teñen un prazo de execución de 24 meses- comezaran do xeito máis inmediato posible. Neste sentido, indicou que a Xunta actuará de xeito responsable para evitar unha situación como a que están a sufrir os propietarios dos pisos promovidos por diferentes cooperativas neste mesmo ámbito, coas súas vivendas rematadas na súa maior parte no ano 2017 e aínda sen acceder ás mesmas. Explicou que o Concello da Coruña é o responsable de tramitar e outorgar a licencia de primeira ocupación, “un trámite que desexou que se realice coa mesma dilixencia e axilidade que a Consellería de Industria aplicou para outorgar as actas de posta en marcha das instalación eléctricas dalgunhas destas vivendas”.

Ao termo da súa construción, estas novas vivendas, para atender e facilitar o acceso a un fogar ás familias con menos recursos, pasarán a integrarse no parque de vivenda pública en alugueiro co que conta o IGVS, que actualmente é de preto de 3.500 vivendas en toda Galicia.

Vázquez Mejuto recordou que a Xunta quere avanzar na urbanización deste sector urbano da cidade herculina, polo que está previsto abonar 13,4 millóns de euros que se suman ás 12 xa abonados, e indicou que o apoio do Goberno non só se reflicte no investimento destinado senón tamén no papel activo que desempeñou nestes anos para sacar adiante o Ofimático, co impulso en 2016 dun acordo co Concello e promotores para desbloquear a situación na que se atopaba.

Recuperar o construído

A conselleira de Medio Ambiente destacou que na cidade herculina non só se están a habilitar novas bolsa de solo, senón que tamén se está a facer unha aposta decidida por conservar e recuperar o xa construído. No caso desta cidade, conta con 10 áreas de rehabilitación integral (Conxunto histórico, Os Mariñeiros, San Vicente de Elviña, Grupo María Pita, Ventorrillo, Sagrada Familia, Fernández Latorre, Nosa Señora do Carme e Santa Cristina), ás que se teñen consignado 27 millóns de euros para a súa rehabilitación, dende a súa declaración.

17 de decembro de 2018 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.