publicidade hoxe

Feijóo defende unha pesca sustentable e rendible no VI Congreso de sustentabilidade social e económica do sector pesqueiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Intervención do presidente galego

Intervención do presidente galego

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu hoxe unha pesca sustentable e rendible e garantiu o apoio para seguir construíndo un sector máis rico en formación, experiencia e coñecemento.

Durante a inauguración do VI Congreso de sustentabilidade social e económica do sector pesqueiro, Feijóo salientou que o Goberno galego incrementou en máis do 4% os fondos para formación nos últimos orzamentos, o que permitiu alcanzar un 32% de aumento acumulado desde 2015. E o programa operativo do Fondo Europeo Marítimo da Pesca 2014-2020 concede a Galicia sete millóns de euros para formación no sector náutico-pesqueiro.

Ademais desta aposta pola formación, fundamental para garantir a remuda xeracional, o titular do Goberno galego avogou por seguir traballando xuntos para afrontar outros retos e para que as vindeiras xeracións poidan atopar no mar un sector con oportunidades.

Ao respecto, referiuse nun primeiro termo á asignación de cotas nas augas do Cantábrico-Noroeste, cuxas modificacións realizadas nos últimos anos no plan de xestión permitiron aumentar o seu rendemento, incrementándose nun 21% as descargas.

Feijóo incidiu en que este caladoiro é extremadamente importante para a flota galega, xa que o 96% dos buques con porto base en Galicia faenan nestas augas -4.250 barcos de artes menores, arrastreiros, palangreiros e cerqueiros-; e estes barcos son os responsables do 84% das descargas do total da flota galega –o 64% da facturación total en primeira venda-.

En relación aos descartes e á obriga de desembarque, o responsable autonómico avogou por aplicar medidas progresivas baseadas en estudos rigorosos realizados especie a especie, caladoiro a caladoiro e buscando outras alternativas de pesca. “Contar cunha cantidade de mínimos que mesture as especies que compoñen as pesquerías; ou eliminar cotas en especies que apenas achegan descargas e rendemento pero que, pola contra, poden afogar a nosa actividade”, precisou, facendo fincapé na necesidade de estimar o custo económico da obrigación de desembarque de todas as capturas e facer valer esta estimación nas negociacións dos TACs e cotas para os próximos anos.

Feijóo referiuse tamén ao reto da loita contra a contaminación e, sobre todo, contra o plástico; un compromiso reflectido en iniciativas como a recuperación do fondo mariño das Illas Atlánticas. É a importancia de seguir crecendo e creando emprego de xeito sustentable, como se pon de manifesto a través do plan de crecemento azul desenvolvido polo Porto de Vigo e recoñecido polas autoridades europeas.

Se ben estas iniciativas amosan que estamos no bo camiño, o presidente da Xunta incidiu en que “aínda non chegamos a meta” e convidou a seguir traballando para preservar a biodiversidade do medio mariño, recuperar os espazos afectados, seguir loitando contra a contaminación, e garantir que as actividades que se practican no medio mariño sexan compatibles coa súa conservación.

6 de novembro de 2018 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.