publicidade hoxe

Xunta e Fundación Galega contra o Narcotráfico renovan colaboración para optimizar a xestión dos bens comisados neste tipo de delitos

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín e o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Antonio Couceiro, asinaron hoxe a renovación do convenio de colaboración para impulsar a xestión eficaz dos bens comisados en delitos de narcotráfico na nosa comunidade. Tal e como indicou o director xeral de Xustiza, unha das principais vantaxes é o retorno social dos bens incautados, servindo a diversas accións antidroga a través da adxudicación ou cesión de bens non vendidos a entidades sociais, municipios e forzas de seguridade.

Coa sinatura deste convenio hoxe dáse continuidade á colaboración iniciada no ano 2015 entre a Vicepresidencia da Xunta e a Fundación Galega contra o narcotráfico, e continuase dando impulso a novos xeitos de colaboración que posibiliten mellorar a eficacia e eficiencia da loita contra o narcotráfico en Galicia dende o ámbito xudicial, xa que permite prestar información e apoio aos xulgados e tribunais de Galicia para todo o relacionado cos bens incautados, poñendo a disposición dos xulgados galegos un servizo especializado na xestión, depósito e venda anticipada dos bens mobles incautados ao narcotráfico e delitos conexos.

Os bens obxecto do servizo consisten principalmente en vehículos, embarcacións, equipos informáticos e de telecomunicacións, caracterizados polo seu rápido deterioro e perda de valor que a través deste mecanismo serán vendidos ou asignados, en determinados supostos, a causas sociais, ofrecendo unha indubidable achega de valor e servizo á sociedade galega.

Entre as súas principais vantaxes, destacan a axilización do funcionamento da Administración de Xustiza en Galicia; facilitar o labor das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado; aforro dos custos derivados do depósito e a depreciación dos activos comisados; aumento de ingresos para a Administración e para a sociedade grazas á venda anticipada dos bens, evitando con iso a súa posterior deterioración e depreciación e valor exemplifícante e disuasorio fronte a organizacións de narcotraficantes.A posta en marcha durante este ano do servizo reforza un dos piares básicos da loita contra o narcotráfico: a intervención dos patrimonios procedentes da venda de drogas, unha cuestión considerada de importancia estratéxica a nivel internacional.

25 de outubro de 2018 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.