publicidade hoxe

Galicia impulsa o funcionamento dos GALP con máis de 300 proxectos aprobados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, explicou hoxe en Bruxelas o impulso que Galicia está a dar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), que contan cun total de 301 proxectos aprobados. Deles 75 iniciativas foron aprobadas no marco da convocatoria de 2018, cun valor total de subvención de máis de 4,4 millóns de euros.

Así o expuxo a directora xeral durante o obradoiro sobre desenvolvemento local enmarcado na XVI Semana Europea das Rexións. Alí tamén sinalou que a maioría das iniciativas subvencionadas teñen como obxectivo o apoio á diversificación dentro e fóra do sector da pesca comercial. Séguenlle os proxectos enfocados ao aumento do valor dos produtos pesqueiros e tamén hai iniciativas que buscan o fomento do benestar social e do patrimonio cultural e ambiental das zonas pesqueiras e acuícolas.

Ademais, Susana Rodríguez lembrou o labor pioneiro de Galicia na posta a disposición dos GALP das axudas a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais, cofinanciadas co FEMP. Estas axudas convocáronse por primeira vez no ano 2016 e desde aquela no marco desta modalidade aprobáronse un total de dez proxectos por valor de preto de 764.200 euros.

Susana Rodríguez sinalou que o obxectivo destas achegas é estimular a cooperación dos GALP para que accedan á información e a novas ideas, aprendan doutros grupos, rexións ou países. Tamén estimular e apoiar á innovación e adquirir destrezas e medios que permitan mellorar a execución das súas estratexias de desenvolvemento local participativo.

O obradoiro

O obradoiro no que participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro está organizado pola Rede Europea de Zonas de Pesca, Farnet, coa colaboración do Comité das Rexións ebrinda aos participantes unha descrición xeral do que é o Desenvolvemento Local Dirixido pola Comunidade apoiado polos Fondos Estruturais e de Inversión Europeos (ESI).

Nel expertos e partes interesadas de áreas locais abordaron os beneficios de usar un enfoque de abaixo cara arriba para o desenvolvemento local en áreas de pesca, rurais e urbanas e deron conta das prácticas de gobernanza que están a utilizarse con éxito en territorios que utilizan varios fondos. Ademais de Susana Rodríguez, neste obradoiro tamén participaron o membro do Comité Económico e Social Europeo, Roman Haken; o experto do punto de contacto da Rede Europea de Desenvolvemento Rural, Paul Soto, e a directora do Grupo de Acción Local do sur de Finlandia, Marjo Tolvanen.

Despois do obradoiro, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro asistiu a unha sesión de networking, na que os participantes se reuniron con grupos de acción local financiados polo catro Fondos Estruturais e de Inversión Europeos (ESI). Nela puideron coñecer a través dos grupos como responde a súa estratexia de desenvolvemento local aos desafíos da súa área local e que tipo de proxectos están a financiar.

10 de outubro de 2018 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.