publicidade hoxe

Cultura e Turismo apoia a edición máis numerosa e internacional do Certame Galego de Bandas de Música Populares

Román Rodríguez na presentación do certame

Román Rodríguez na presentación do certame

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, subliñou hoxe a importancia de lle dar visibilidade ao traballo das bandas de música populares en Galicia á hora de formar e facer agromar novas vocacións artísticas, así como de difundir o noso repertorio clásico e actual. Neste sentido, a Xunta intensifica este ano o seu apoio á Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) en diferentes iniciativas, entre as que destaca a organización do XII Certame Galego de Bandas de Música Populares, que se celebrará os días 3 e 4 de novembro no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, coa participación de 16 agrupacións e preto dun milleiro de músicos.

Ademais de ampliarse en seis o número de bandas nas diferentes seccións a concurso, que pasan de tres a cinco, a que será a edición máis numerosa deste evento presenta outras importantes novidades, que foron destacadas na Cidade da Cultura durante a presentación desta 12ª edición. Nela, o conselleiro estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra; e o presidente da FGBMP, Iván Estévez, así como polos representantes de varias das agrupacións que competirán este ano.

Román Rodríguez explicou que esta colaboración se materializa nun convenio a través do que a Agadic achega 90.000 euros (20.000 máis que en 2017) para a organización do devandito certame e mais do XI Concurso Galego de Composición para Bandas. Enmarcouna, así mesmo, na serie de iniciativas de apoio a este sector por parte da Consellería, na que tamén se insire o Festival de Bandas Infantís e Xuvenís que se celebra cada ano na Cidade da Cultura.

Intercambio con Portugal

Respecto ás novidades que presenta o XII Certame Galego de Bandas, subliñou o feito de que, por primeira vez, terá carácter internacional coa participación da Sociedade Musical de Previdém, que viaxará a Santiago desde a cidade portuguesa de Guimarães. Tamén por primeira vez, outorgarase un premio ao mellor director ou directora do certame grazas á colaboración da Escola Galega de Dirección de Banda.

O conselleiro de Cultura e Educación fixo fincapé no rico tecido cultural que conforman as bandas de música en Galicia, sinalando que souberon avanzar no camiño da integración e a diversidade social, ao tempo que na optimización dos seus recursos para lograr un amplo apoio do público. Neste sentido, agradeceulle á federación o labor de coordinación deste colectivo, con 92 bandas e 6835 músicos nas catro provincias.

Galardóns para as bandas galegas

Lembrou igualmente que este recoñecemento tamén é patente fóra de Galicia, como poñen de manifesto os recentes premios de varias agrupacións. É o caso de A Lira de Ribadavia, gañadora da terceira sección no 132º Certamen Internacional de Bandas de Música (CIBM) de Valencia; da Banda de Música Municipal de Silleda, que obtivo o segundo premio na sección primeira do CIBM; da Banda de Música de Celanova, terceiro posto no certame de Benavente, e da Banda-Escola de Música de Beade, segundo premio no XIX Certamen Internacional de Bandas de Música Villa de Aranda.

En canto ao Certame Galego de Bandas de Música Populares, que será retransmitido en directo a través da canle da FGBMP en YouTube, a competición dará comezo na tarde do sábado 3, coas actuacións das bandas das Sección Terceira (para agrupacións de ata 50 músicos) e da Sección Xuvenil, para formacións con non máis de 50 compoñentes con idades que non superen os 19 anos. A incorporación desta última categoría é unha das novidades deste ano, xunto coa da Sección Infantil, para agrupacións de máis de 25 integrantes que non superen os 14 anos. As bandas infantís actuarán o domingo 4, cando subirán tamén ao escenario do Auditorio de Galicia as seleccionadas nas seccións primeira (con máis de 70 músicos) e sección segunda (de 51 a 70).

O director de orquestra británico Douglas Bostock, a directora da Banda de Mujeres de la Federación de Sociedades de la Comunidad Valenciana, Mercedes Femenía, e o pianista, compositor e director valenciano Ferren Ferran son os integrantes do xurado, que dará a coñecer o nome das formacións gañadoras durante o acto de clausura. Concederanse tres premios para cada unha das categorías, con diferentes dotacións que suman 23.475 euros. A maiores, poderase outorgar en cada sección (agás na infantil) un recoñecemento económico á mellor interpretación dunha obra galega.

XI Concurso Galego de Composición

Entre as obras de autoría galega de obrigada interpretación, están as premiadas o ano pasado no Concurso Galego de Competición, do mesmo xeito que as composicións gañadoras da actual undécima edición –que se anunciarán tamén no acto de clausura do domingo– serán estreadas e executadas no Certame de Bandas de Música de 2019.

Coa organización destes premios de composición, a FGBMP busca cubrir a escaseza de pezas galegas para seren interpretadas especificamente por este tipo de agrupacións, logrando nesta traxectoria de dez anos un catálogo actual para a súa progresiva incorporación por parte das bandas federadas.

23 de outubro de 2018 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.