publicidade hoxe

Adxudicadas as obras de urbanización interior da primeira fase do parque empresarial de Morás, en Arteixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixoLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, adxudicou por máis de 3,7 millóns de euros as obras de urbanización interior da primeira fase (A) do parque empresarial de Morás, en Arteixo, cuxa execución permitirá a implantación das primeiras empresas -que xa teñen solo adxudicado neste parque empresarial-. Esta é a meirande actuación de solo empresarial que a Xunta está a acometer no norte de Galicia.

Ao mesmo tempo, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou as obras de acceso ao parque empresarial, cun investimento de preto de 4,4 millóns de euros.

Primeira fase

A obra de urbanización da primeira fase, licitada pola empresa pública Xestur no pasado mes de agosto, foi adxudicada á empresa Acciona Construción S.A. por importe de 3.745.177,27 euros e un prazo de execución de oito meses.

A urbanización da primeira fase do parque empresarial de Morás comprenderá unha superficie total de 554.002 metros cadrados, nos que se obterán 316.815 metros cadrados de superficie destinada a parcelas de uso industrial e comercial. Esta fase contará con máis de 3.800 prazas de aparcamento. A fase A do parque empresarial de Morás contará con máis de 60 parcelas de uso industrial e comercial, con superficies que irán dos 1.000 aos 105.000 metros cadrados.

Nesta primeira fase está incluída a parcela destinada ao emprazamento dos depósitos de auga que darán servizo á rede de abastecemento, rega e hidratantes e na que se instalará a subestación eléctrica que servirá ao todo o parque empresarial. Tamén inclúe os espazos destinados á execución dos estanques de regulación de augas pluviais.

Accesos

Ao mesmo tempo, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia de Infraestruturas de Galicia, licita hoxe as obras de acceso ao parque empresarial de Morás, en Arteixo, cun investimento de preto de 4,4 millóns de euros.

Trátase da execución dun enlace deste parque coa estrada autonómica AC-551, que consistirá na conexión deste polígono empresarial coa A-6 e a AG-55 mediante un enlace tipo trompeta de catro ramais.

A estrada AC-551 comunica o enlace entre a autoestrada AG-55 e a autovía A-6 coa AC-552, na glorieta de Sabón, polo que o parque se atopa nun lugar óptimo para o acceso á rede viaria de alta capacidade (AG-55, A-6, AP-9) e moi próximo ao Porto Exterior da Coruña.

As obras consistirán na execución dos catro ramais do enlace e dun paso superior sobre a AC-551, sendo tamén necesaria a ampliación dun paso inferior baixo esta mesma estrada, que comunica co lugar de A Ponte. Mantense o actual trazado en alzado da estrada AC-551.

O obxecto desta actuación é dotar ao parque empresarial de Morás que está a desenvolver Xestur duns accesos que permitan o correcto desenvolvemento das actividades que se localizarán no mesmo.

Obras rematadas

As obras de urbanización da primeira fase do parque empresarial non son as primeiras que se realizan en Morás, xa que en setembro de 2018 a empresa pública Xestur rematou a obra de explanación da plataforma K-3 e o Eixo 0 do parque empresarial, cun investimento de máis de 3,1 millóns de euros.

A plataforma K3 era a única do parque empresarial que estaban sen explanar e a necesidade de realizar voaduras fixeron que a obra tivera que realizarse antes de iniciar as correspondentes á primeira fase do parque empresarial. Xunto coa explanación da plataforma executouse o Eixo 0 do parque, que permitía o acceso á K-3 e a circulación de maneira ordenada e en condicións axeitadas de seguridade polo ámbito unha vez se inicien as obras de urbanización interior do parque empresarial. Tamén rematou neste verán a obra de acondicionamento da estrada DP-0512 que atravesa o parque empresarial e constitúe un dos seus viais, na que se investiron máis de 800.000 euros.

No parque empresarial de Morás xa foron adxudicados 105.000 metros cadrados á empresa Aluman e máis de 43.000 metros cadrados a antigos propietarios de solo no ámbito do parque empresarial.

Coas obras licitadas hoxe, o investimento da Xunta de Galicia no parque empresarial de Morás en dous anos supera os 12 millóns de euros.

18 de outubro de 2018 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.