publicidade hoxe

A Xunta mantén o compromiso coa estación intermodal da Coruña reservando a partida necesaria para a redacción dun novo proxecto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia mantén o seu compromiso coa estación intermodal da Coruña, reservando nos Orzamentos de 2019 a partida necesaria de fondos propios para a redacción dun novo proxecto construtivo.

Os vaivéns do goberno municipal da cidade, que mudou de criterio en relación co modelo de estación defendida, obrigaron á Xunta a desbotar o proxecto xa redactado conforme o deseño inicialmente acordado entre ambas as dúas administracións.

Esa situación de ruptura do acordo xenerou un escenario de incerteza incompatible cunha xestión responsable dos fondos europeos, que teñen unha data límite de execución.

A experiencia da Administración autonómica na xestión de fondos europeos en proxectos de similar envergadura acredita a total inconveniencia de bloquear crédito do programa Feder para unha actuación que carece polo momento de proxecto definido e consensuado.

Consignar fondos europeos a unha iniciativa sen garantías de poder executala no prazo establecido supón pór en risco recursos que poden destinarse a outras actuacións máis avanzadas.

No que se refire ao procedemento para avanzar neste proxecto estratéxico, ademais da contratación e redacción do novo proxecto construtivo, que deberá contar co visto e prace do Concello e do Adif, será necesario superar a tramitación urbanística antes de licitar e executar as obras.

Cómpre lembrar que o Goberno galego continúa á espera de que o Concello da Coruña remita a proposta de convenio de colaboración para o impulso conxunto da actuación que se comprometeu a mandar en outubro de 2017.

A Xunta iniciou simultaneamente os traballos para impulsar as estacións intermodais da Coruña, Santiago, Vigo e Ourense e foi a actitude do concello o que motivou o descolgamento da cidade herculina da primeira liña.

Desa forma, actualmente as estacións de Santiago e Ourense se atopan en plena execución, mentres que en próximas datas está previsto licitar as obras de Vigo, ademais de Pontevedra, onde se teñen producido importantes avances no último ano.

30 de outubro de 2018 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.