publicidade hoxe

A Xunta dinamiza os Espazos Xove con novos servizos para fomentar o emprendemento dos xóvenes galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, informou hoxe en comisión parlamentaria das melloras dos servizos postos a disposición da mocidade nas Casas da Xuventude, actuais Espazos Xove, a través do proxecto europea Lidera. Así, explicou que o seu departamento autonómico empregou os fondos desta iniciativa transfronteiriza para dotar a estes equipamentos xuvenís de Espazos Emprende.

Ao respecto, Cecilia Vázquez detallou que os Espazos Emprende “son un recurso máis a disposición dos mozos e mozas no ámbito dos Espazos Xove para axudalos a impulsar os seus proxectos de inserción sociolaboral e converter deste xeito a xuventude no maior activo para o desenvolvemento local”. Nesta liña, engadiu que se trata dun novo servizo dentro dos Espazos Xove que os rapaces e rapazas poden empregar para a realización de actividades, asesoramento ou accións relacionadas coa mellora da empregabilidade ou o emprendemento.

Así mesmo, a directora xeral indicou que con esta iniciativa preténdese establecer espazos de encontro, de coñecemento, de información e tamén de formación en habilidades. “Trátase de fomentar a participación e o emprendemento, dotar aos mozos e mozas de ferramentas sinxelas que lles permitan mellorar e seguir avanzando no seu itinerario persoal e profesional, propiciar o liderado da xente moza, e impulsar a formación activa”, apuntou.

Por último, Cecilia Vázquez aclarou que esta proposta non interfire nas actividades dos Espazo Xove nin supón unha modificación do uso dos mesmos, posto que “son usos perfectamente compatibles”.

Espazo Xove de Ourense

Na súa comparecencia, referiuse á situación do Espazo Xove de Ourense, facendo unha valoración positiva do seu funcionamento e das actividades programadas no mesmo, as cales son impulsadas pola propia dirección do centro, desde a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e por distintas entidades e asociacións tanto xuvenís como culturais da cidade e da provincia ourensá.

Neste sentido, destacou a ampla programación levada a cabo no que levamos de ano neste recurso para a mocidade: incubadora de proxectos, accións formativas para o desenvolvemento persoal e o emprego, e unha extensa oferta de obradoiros como microteatro, fotografía, zumba, robótica ou guitarra, entre outros. Así mesmo, a partir deste mes de outubro está prevista a celebración dunha nova edición do curso sobre xestión e dirección de proxectos de participación xuvenil, diversos encontros sectoriais dentro do proxecto europeo Lidera, sesións de conversa en inglés e clases de guitarra.

No que atinxe ao emprazamento do actual Punto de Encontro Familiar na primeira planta deste Espazo Xove, a responsable da área de Xuventude considerouno axeitado xa que non interfire no funcionamento ordinario nin no desenvolvemento das actividades dirixidas á mocidade. Ao respecto, destacou que “non consta ningunha queixa dos usuarios tanto do Espazo Xove como do Punto de Encontro Familiar en relación ao seu emprazamento, máis ben ao contrario, constando a satisfacción das familias pola localización máis céntrica do servizo”, dixo.

26 de outubro de 2018 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.