A Xunta demanda ao goberno central os mecanismos para garantir a convivencia harmónica e a competencia leal entre o taxi e as VTC

Ethel Vázquez na reunión con asociacións do sector do taxi
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, reuniuse hoxe con representantes das principais asociacións do sector de taxi en Galicia, Fegataxi e Radiotaxi, onde reiterou a demanda ao Goberno central dos mecanismos para garantir a convivencia harmónica e a competencia leal entre colectivos fronte ao traspaso da problemática ás comunidades, sen diálogo.
Vázquez Mourelle sinalou que o Goberno galego seguirá defendendo a necesidade de abordar de raíz a problemática que impide cumprir esa ratio de consenso 1/30, 1 licenza VTC por 30 de taxi.
A titular autonómica de Mobilidade abordou co sector o Real Decreto Lei que o Consello de Ministros aprobou o venres en relación ao arrendamento de vehículos con condutor, para coñecer, de primeira man, as súas consideracións ao respecto desta modificación do marco normativo.
Subliñou a importancia de coñecer a opinión do sector para contar con información actualizada de cara á xuntanza que se celebrará mañá en Madrid entre Fomento e as Comunidades Autónomas para explicar este decreto que xa ten aprobado.
Concretou que os servizos xurídicos da Xunta están avaliando o seu contido, xa que preocupa que o Consello de Ministros teña aprobado unha regulación que afecta ás comunidades e aos concellos sen ningunha información previa, pois non se pode lexislar sen dialogar cos axentes implicados.
Indicou que resulta sorprendente que non se teña convocado a Conferencia Nacional de Transportes para abordar coas comunidades o contido do Real Decreto Lei antes da súa aprobación. Neste sentido, engadiu que os cambios na regulación das VTC deberíanse consensuar antes coas comunidades.
A conselleira fixo fincapé en que é a primeira vez que se aproba un texto destas características pola vía impositiva, sen escoitar ás autonomías, máis cando do que se está falando é de traspasar as competencias e o problema ás comunidades e aos concellos.
Salientou que a problemática do sector do taxi e das VTC debería resolverse alí onde se xerou, no seo ministerial e a nivel do Goberno do Estado e lamentou que en lugar de facerlle fronte aos problemas, os trasladen ás comunidades, proxectando 17 problemas.
Explicou que este decreto establece un período transitorio para que entren en vigor as limitacións que as comunidades autónomas decidan establecer para as VTC, polo que isto supón catro anos máis de demora das solucións.











