publicidade hoxe

A Xunta adxudica a elaboración dos estudos previos para desenvolver a estación intermodal de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar o contrato de servizos para a elaboración dos estudos previos para desenvolver a estación intermodal de Ferrol mediante unha integración das terminais de autobuses e ferrocarril, conectando as dúas zonas da cidade historicamente separadas polas vías do tren.

Este contrato foi adxudicado a Idom Consulting, Engineering, Architecture S.A.U. por un investimento de máis de 80.000 euros e ten un prazo de execución de 8 meses.

Esta actuación enmárcase no plan de intermodalidade da Xunta, que ten como obxectivo avanzar na conexión entre o transporte de viaxeiros en autobús metropolitano e interurbano e o transporte por ferrocarril en Galicia, no marco do programa operativo FEDER 2014-2020.

O obxectivo dos traballos é coñecer as necesidades actuais e potenciais do transporte de autobús e ferrocarril e as mellores fórmulas para atendelas desde un conxunto intermodal.

O Goberno galego aposta pola intermodalidade para fomentar o uso do transporte público en detrimento do vehículo privado e acadar unha mobilidade máis sostible. Ademais, procúrase a integración urbana das novas infraestruturas para que contribúan a “facer cidade”

Traballos

A elaboración partirá da análise dos estudos e proxectos existentes relacionados co transporte por ferrocarril e por autobús existentes no ámbito de Ferrol. Tamén prevén a realización de aforamentos de viaxeiros e enquisas na contorna das estacións e a confección do programa de necesidades da estación autobuses (número e configuración de dársenas, ordenación dos servizos da estación, etc).

O contrato para a mellora da conexión intermodal en Ferrol implica a análise de impacto da actuación sobre as pautas de mobilidade da poboación da área de Ferrol e o estudo das posibles alternativas de configuración para estación intermodal de viaxeiros.

Os traballos inclúen a análise das posibles alternativas de configuración para o conxunto intermodal de viaxeiros, que partirá de tres alternativas propostas, aínda que durante a realización do estudo poderá xurdir algunha máis.

Entre os cometidos deste contrato tamén se prevé o levantamento topográfico da estación e a súa contorna, e o estudo de percorridos de liñas de autobuses na entrada e saída da estación, así como a análises da capacidade xeométrica do viario neste percorrido e estudos de tráfico. O mesmo complétase co estudo de viabilidade económica para a explotación da estación de autobuses e o predeseño da alternativa seleccionada.

10 de outubro de 2018 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.