publicidade hoxe

A unidade mixta de investigación Fastfly avanza no desenvolvemento de drons máis autonómos e seguros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá na presentación da Unidade Mixta de Investigación (UMI) FASTFLY (Full Autonomous Systems for UAS), a primeira unidade mixta centrada ata agora no ámbito dos avións non tripulados, e que está impulsada polo centro tecnolóxico Instituto Tecnológico de Galicia (ITG) e a empresa Star Defence Logistics & Engineering (SDLE) co apoio da Xunta de Galicia.

Esta Unidade Mixta, que avanza no desenvolvemento dun dron con maior autonomía e xestionado de forma intelixente, foi creada en 2017 e prevé investir 2 millóns de euros cunha axuda do 30% por parte da Axencia Galega de Innovación. Conta cun equipo de traballo de 12 investigadores e prevé crear cinco empregos ata 2020.

Patricia Argerey destacou que esta iniciativa está aliñada con dous programas estratéxicos da Xunta de Galicia: por un lado, o programa de Unidades Mixtas de Investigación, que persegue impulsar colaboracións estratéxicas entre empresas e centros de coñecemento en áreas de innovación prioritarias para a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e, por outro lado, o polo aeronáutico de Rozas, que aspira a converter a nosa Comunidade nun referente neste sector.

Argerey apuntou que grazas a iniciativas coma esta Galicia está situándose á vangarda dun segmento con gran proxección de futuro, como o dos avións non tripulados, e contribuíndo a transformar a nosa industria cara unha industria de alta tecnoloxía como é a aeronáutica, favorecendo así unha economía baseada na innovación e no coñecemento.

As solucións tecnolóxicas presentadas esta mañá pola Unidade Mixta avanzan na autonomía e na seguridade dos drons para usos civís. Por un lado, dotando ás aeronaves de sistemas de intelixencia a bordo que lles permiten tomar máis e mellores decisións a bordo. Por outro, deseñando unha rede de subministración para recargas e descarga e envío de datos para espazos amplos nos que as empresas operen con drons. Por último, colaborando na definición dun novo marco regulatorio máis flexible que permita a integración segura do tráfico de drons no espazo aéreo.

Nestas tarefas, o Instituto Tecnológico de Galicia achega a súa capacidade e coñecemento en ámbitos como a electrónica, a sensórica, o software, os sistemas de aviónica e a regulación aeronáutica, mentres que a multinacional Star Defence Logistics & Engineering (SDLE) ofrece a súa experiencia no deseño, fabricación e comercialización das aeronaves.

Balance das Unidades Mixtas de Investigación

Pendentes de resolver a quinta edición da convocatoria de axudas para a creación e consolidación de Unidades Mixtas de Investigación, dende a Xunta de Galicia téñense apoiado 30 proxectos – 26 de nova creación e 4 de consolidación-, estanse mobilizando preto de 100 millóns de euros e creáronse ou mantivéronse 450 postos de traballo cualificados. Argerey destacou o importante papel que desempeñan estas unidades no impulso á cooperación entre centros de coñecemento e empresas, á transferencia de I+D+i ao tecido industrial galego e á atracción de empresas foráneas cun compromiso a longo prazo.

25 de outubro de 2018 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.