publicidade hoxe

Un total de 115 empresas non agrícolas recibirán axuda de Medio Rural por 4,5 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOiaPontevedraPortada esquerda
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita a Kayak Ocio, SL

Ángeles Vázquez na visita a Kayak Ocio, SL

A Xunta destina 4,5 millóns de euros a financiar proxectos de investimento en actividades non agrícolas no medio rural galego. En total, na convocatoria correspondente a 2018-2019, son 115 as empresas beneficiarias, que terán ata finais de xuño do vindeiro ano para xustificar os gastos executados.

Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na súa visita a unha destas iniciativas, situada no concello pontevedrés de Oia. Trátase de Kayak Ocio S.L., unha empresa dedicada ao aluguer deste tipo de embarcacións. Neste caso, o valor engadido da súa oferta radica no feito de que son quen de proporcionar os seus clientes, mediante a contratación on line ou telefónica, os equipos necesarios para a práctica deste deporte no destino que soliciten.

Así, este servizo ten a vantaxe de evitar ao cliente ter que desprazar un kaiak dunhas dimensións e peso considerables en vehículos que non están adaptados para esta función ou verse obrigado a adquirir un produto que en moitos casos non vai utilizar máis que en contadas ocasións, sen contar a incomodidade que provoca o seu posterior almacenamento.

Vantaxe comparativa

A conselleira, que estivo acompañada polo director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, destacou que o feito de facilitar unha vantaxe comparativa e de innovar no deseño da súa oferta son precisamente factores que contan á hora de conceder este tipo de axudas a estas empresas non agrícolas. Trátase, dixo, de dinamizar o tecido socio-económico do agro mediante iniciativas que dean valor engadido ao produto ou servizo ofrecido.

Por iso, entre os proxectos subvencionados hainos centrados na adquisición de maquinaria e equipamento para mellorar as capacidades e potencialidades das empresas, así como a súa competitividade, en ámbitos tan diferentes como a construción, a veterinaria, os servizos de ocio, a fisioterapia, a hostalería ou os talleres de automóbiles, entre outros.

18 de setembro de 2018 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.