publicidade hoxe

O Festival de la Luz celébrase en Boimorto esta fin de semana co apoio das subvencións da Agadic e da marca Fest Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoimortoCalendarioLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O Festival de la Luz comeza mañá a súa sétima edición, que se desenvolverá na vila coruñesa de Boimorto ata o 9 de setembro e que presenta un cartel con máis de 40 concertos, un mercado de produtos galegos de calidade, unha zona infantil con programación musical propia e un grastroespazo con propostas de importantes chefs galegos.

O encontro volve contar co apoio da Xunta de Galicia, que este ano se materializa mediante unha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e de distintas accións desenvolvidas a través da marca FEST Galicia, creado para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.

Así, o Festival de la Luz recibirá este ano 20.168 euros das subvencións da Agadic, dotadas cun total de 280.000 euros e das que se benefician outros 11 grandes eventos musicais galegos. Ademais, contará tamén con apoio complementario por ser un dos festivais adheridos a FEST Galicia. Nesta primeira temporada da marca, están asociados a ela 10 festivais de verán que funcionan de xeito profesional e que se preocupan por achegarlle valores engadidos á experiencia musical, tanto na súa oferta de actividades como na súa xestión e organización.

Neste sentido, FEST Galicia está a ter presenza nos festivais a través dun espazo propio de difusión e sensibilización, así como de campañas, accións e liñas de traballo en diferentes ámbitos, adaptadas especificamente a cada encontro en colaboración directa con outros departamentos da Xunta, como a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Secretaria Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Actividades que fornecen a marca

No caso do Festival de la Luz, o ámbito da igualdade centra varias das iniciativas, apoiando tanto a programación musical con perspectiva de xénero como a incorporación de mulleres a todas as categorías profesionais da organización do festival, ademais de actividades en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade no marco na campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual. Haberá persoal de seguridade identificado con chalecos de cor violeta e, xa dentro do espazo FEST Galicia, persoas expertas informarán sobre como actuar ou a quen acudir en caso de agresións a través da difusión dun decálogo contra a violencia sexual, en liña coa aplicación móbil que se acaba de poñer en marcha pola Xunta. Ese mesmo decálogo formará parte dun vídeo que se vai ver nas pantallas do festival ao remate de cada concerto. Ademais, o sábado 8 ás 16,50 h. proxectarase a curta Miña, dirixida por Michael J. Cassidy, interpretada por Elba Pedrosa, Antón Cancela e Carson Jones e con música da cantante galega Wöyza. Haberá un coloquio posterior cos protagonistas e artífices deste filme que aborda a historia dun maltrato machista. E o domingo 9, de 16,00 a 19,00 h., desenvolverase un obradoiro de estampaxe de camisetas con emoticonos xunto co lema da campaña.

Lingua e mocidade con FEST Galicia

O espazo FEST Galicia en Boimorto tamén acollerá a iniciativa O galego crea ambiente, ideada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover o valor da lingua galega entre o público dos festivais como parte do noso patrimonio, xunto coa cultura e o medio natural. Esta dobre mensaxe transmítese co obxectivo de convidar a mozos e mozas a relacionarse de xeito responsable co medio e a facelo, ademais, en galego. O sábado, entre as 18,00 e as 20,00 h., desenvolverase unha acción para buscar a participación do público, ao que se lle solicitará ideas sobre como promover a lingua galega entre a xente nova de cara á elaboración do primeiro Plan de Dinamización da Lingua Galega entre a Mocidade. As persoas voluntarias poderá participar en distintas probas de improvisación e coñecemento do galego, que serán conducidas polo humorista Víctor Grande, e as persoas gañadoras obterán un CD do último traballo de Guadi Galego, A bola de cristal.

O programa de accións de FEST GALICIA no Festival de la Luz tamén contempla actividades especificamente dirixidas á mocidade, a través da promoción do Carné Xove e da difusión dos programas que ten en marcha a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Desenvolveranse o día 8, entre as 18,30 e as 20,30 h.

No caso da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, entre outras, desenvolveranse accións divulgativas por parte de monitores con formación específica, que incidirán sobre a importancia de contribuír á sustentabilidade ambiental deste tipo de eventos. Neste sentido, poranse á disposición do público asistente diversas tipoloxías de contedores para garantir unha recollida e xestión axeitadas dos residuos que se xeren.

6 de setembro de 2018 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.