publicidade hoxe

“Máis alá do río do esquecemento” convértese na obra gañadora do III Concurso “Balbino” de Relatos

O secretario xeral de Política Lingüística xunto ao xurado no anuncio do fallo

O secretario xeral de Política Lingüística xunto ao xurado no anuncio do fallo

A obra Máis alá do río do esquecemento acaba de ser elixida como a gañadora do III Concurso “Balbino” de Relatos, de maneira que o seu autor, Ricardo Ferreiro Almeda, natural de Sevilla pero con ascendencia galega, verá publicado dito relato por Edicións Fervenza, sendo ademais, beneficiario dun premio por valor de 1.500 euros.

O xurado, composto por Carlos Loureiro (profesor e escritor), Maica Caramés Gorgal (profesora e escritora), Rosalía Morlán (escritora e poeta), Armando Requeixo (escritor, investigador e crítico literario) e Ánxela Gracián (escritora, poeta, crítica literaria e directora editorial) destacaron a calidade das obras presentadas nesta terceira edición. Un total de 21 relatos que achegaron diferentes visións do rural galego, a emigración e o mar, valorando a defensa da nosa cultura, o que permite consolidar este premio como un referente para os nosos escritores e escritoras.

Non obstante, o xurado inclinouse por outorgar o premio, por unanimidade, ao relato Máis alá do río do esquecemento, que se correspondía co lema “Días de choiva e distancia”, resultando da autoría de Ricardo Ferreiro Almeda.

Da obra, o xurado “estimou que o conxunto de relatos que compoñen Máis aló do río do esquecemento ofrece a recreación do mundo xenuíno do rural limego, polo que transitan personaxes de innegable atractivo que protagonizan historias ben diversas con finais decote sorprendentes. Escrito cunha estética depurada, sólida caracterización dos personaxes e habelencioso entretecido das tramas, este feixe de relatos salienta tamén pola acaída revisitación da mitoloxía e o lendario popular de noso”.

Concurso

Baixo o nome de “Balbino”, protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas, este concurso xurdiu no ano 2016 co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos/ás escritores/as de Galicia.

De periodicidade anual, as bases que debían cumprir os orixinais presentados requirían unha extensión de entre 100.000 e 180.000 caracteres e, como non, centrarse na temática galega, co rural, o mar ou a emigración como protagonista.

Colaboracións

O Concurso “Balbino” de Relatos conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, a Fundación Xosé Neira Vilas, o Concello de Boqueixón e o Concello de Vila de Cruces.

Publicación

A partir deste momento comeza xa o proceso para dar forma a Máis alá do río do esquecemento que, segundo as previsións, verá a luz en novembro nunha presentación pública.

Autor

Ricardo Ferreiro Almeda (Alcalá de Guadaira, Sevilla, 1958) é descendente de galegos e ten residido na nosa terra durante diferentes períodos da súa vida. Profesional da farmacoloxía, reside actualmente en Sevilla, compaxinando o seu desempeño laboral coa dedicación á escrita, na que se iniciou publicamente a finais dos noventa.

Gañador de máis dunha trintena de galardóns ao longo de todo o Estado, destacan entre estes o Premio de Relato Breve Ateneo de Córdoba ou o Premio Platero, tendo publicado tamén o volume de narrativa Severina (Ediciones Padilla, 1997).

7 de setembro de 2018 | 11:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.