publicidade hoxe

Feijóo ve na democracia local un dos factores da rexeneración do noso sistema de convivencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada esquerda
A-
A+
O titular da Xunta presentou o alcalde de Ourense no almorzo informativo

O titular da Xunta presentou o alcalde de Ourense no almorzo informativo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que na democracia local, dos concellos, na democracia de proximidade que se practica todos os días nos pobos e vilas está un dos factores da rexeneración do noso sistema de convivencia.

“A democracia nace nas pequenas unidades de convivencia para estenderse a ámbitos maiores, e por iso é aí onde reside o xerme da democracia do futuro”, dixo, lembrando que Galicia non é outra cousa que unha democracia formada por democracias municipais, dentro dunha democracia que configura a nosa nación, e no contexto dunha democracia europea na que seguimos confiando.

Durante a presentación do alcalde de Ourense no almorzo informativo organizado por Nueva Economía Fórum-Tribuna de Galicia, Feijóo destacou ademais a necesidade dunha democracia –europea, nacional, galega ou municipal- que achegue solucións, que responda aos retos e que se adiante aos escenarios do futuro.

Fronte a un estilo político que menospreza a madurez da xente e a trata como se fose unha sociedade pueril ou adolescente, asegurou que o gobernante responsable ve no seu pobo unha madurez suficiente para entender e compartir medidas que non sempre teñen un impacto positivo inmediato: “Un auténtico líder segue o seu pobo, e tamén sabe poñerse diante para sinalar o camiño que considera axeitado”, abundou.

Nesta liña, aseverou que son políticos como o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, os que permiten confiar nun pleno retorno ao sosego, á tranquilidade e á normalidade que se bota en falta.

“Jesús Vázquez Abad non elude o compromiso de gobernar nunha situación precaria, nin se reviste de tons grandilocuentes para gañar o favor dos veciños. Sitúase nas antípodas dos rexedores ególatras que fan da extravagancia a súa norma de conduta”, dixo, ao que engadiu que lle gusta insistir en que sempre se poden facer mellor as cousas.

Así mesmo, resaltou que o novo e o tradicional desembocan en rexedores como Vázquez Abad para facer un compendio semellante á nosa sociedade. “Unha Galicia privada da herdanza do pasado ou sen os seus elementos renovadores, sería unha Galicia incompleta e feble. Un Ourense exclusivamente clásico ou moderno, sería unha cidade eivada”, afirmou, asegurando que con esta idea, o Goberno galego apostou por potenciar o elemento clásico ao reformar a catedral de San Martiño de Ourense, rehabilitar vivendas do seu centro histórico e reformar a Ponte Vella.

Todo elo sen perder de vista a modernidade, plasmada en proxectos como: un centro interxeracional, o primeiro de España; un innovador ecobarrio, ou conexións de transporte que impulsen o tecido económico da cidade, como a estación intermodal e o enlace do polígono de San Cibrao coa A-52.

Feijóo recordou que a Administración autonómica tampouco esqueceu algo moi importante para o alcalde: os servizos sociais, colaborando co Concello para poñer en marcha unha nova residencia de 120 prazas, presentando o proxecto dun novo centro para persoas con discapacidade e ampliando o hospital público.

17 de setembro de 2018 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.