publicidade hoxe

Feijóo: “a futura Lei de ordenación do territorio suporá simplificación e modernización”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Reunión do Consello da Xunta

Reunión do Consello da Xunta

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o acordo no Consello da Xunta para iniciar a tramitación da futura Lei de ordenación do territorio de Galicia, unha norma que suporá simplificación e modernización: con trámites máis sinxelos, con máis coherencia co marco normativo estatal e europeo, con máis claridade normativa e menos papelame.

Segundo asegurou, co texto normativo que inicia hoxe a súa tramitación, a ordenación do territorio en Galicia gaña en transparencia, en claridade, en sinxeleza e en seguridade xurídica, matizando que, a partir de agora, todo instrumento de ordenación que entre en vigor deberá ser inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, no que calquera cidadán poderá acceder a el.

Neste senso, afirmou que a nova norma mellorará a delimitación de competencias, detallando de xeito inequívoco que iniciativas poden ampararse en instrumentos supramunicipais e cales deben buscar encaixe no planeamento municipal. Así mesmo, indicou que se gaña tamén en sinxeleza posto que neste texto se integrará toda a tramitación a seguir.

En relación á seguridade xurídica, Feijóo precisou que a futura lei estará plenamente adaptada á normativa vixente a nivel nacional e europeo, ademais de estar desenvolvida con todo detalle, sen precisar dun regulamento.

Redefinición dos instrumentos supramunicipais

O novo texto redefinirá os tres instrumentos supramunicipais: os plans territoriais integrados, que planifican un territorio de características homoxéneas desde todas as vertentes posibles e nos que se inclúen o Plan de ordenación do litoral ou o Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago. Os plans sectoriais, que regulan a implantación nun territorio concreto (a nivel supramunicipal) de actividades suxeitas a unha regulación sectorial específica, como por exemplo o Plan de áreas empresariais de Galicia, o Plan acuícola, o Plan de xestión de residuos ou o Plan de saneamento das rías. E, por último, os vellos proxectos sectoriais.

Sobre este último punto, Feijóo aseverou que estes proxectos cambiarán de nome -para unha maior claridade- e pasarán a chamarse proxectos de interese autonómico. Son iniciativas cunha incidencia territorial, económica, social ou cultural; cunha magnitude ou unhas características que exceden do planeamento urbanístico municipal, polo que deben tramitarse cun instrumento supramunicipal.

O presidente da Xunta concluíu que coa futura lei “vamos a gañar todos”. Así, gañamos en seguridade xurídica; gañamos en protección dos intereses xerais por riba de calquera vontade particular; e gañamos en respecto polo territorio, pois todos os instrumentos de ordenación deberán contar cun informe favorable en materia de paisaxe.

 Na procura da simplificación administrativa para acadar un territorio ordenado

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, explicou que o texto normativo contempla 67 artigos repartidos nun título preliminar, un título, cinco disposicións adicionais, catro disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións finais; pero se cabe, a simplificación administrativa, un dos seus principios inspiradores, é outra característica máis importante para acadar axilidade e eficacia.

Así mesmo, recordou que o Goberno galego leva desde o ano 2009 traballando para cumprir co propósito de garantir un territorio ordenado capaz de tratar o futuro con criterio e garantías e que permita acadar os obxectivos sinalados pola Estratexia Europea de Ordenación do Territorio.

6 de setembro de 2018 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.