publicidade hoxe

Ethel Vázquez destaca o investimento de 750.000 euros nas obras de reforzo da seguridade nas vías de altas prestacións do Salnés

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe o investimento de preto de 750.000 euros na execución das obras de reforzo da seguridade nas vías de altas prestación do Salnés. Vázquez Mourelle achegouse hoxe ata Vilanova para comprobar sobre o terreo os últimos remates das actuacións de reforzo da seguridade viaria que se levaron a cabo na estrada VG-4.3, vía de altas prestación que discorre polos concellos de Cambados, Vilagarcía e Vilanova, e tamén na VG-4.2, estrada autonómica que comunica a autovía do Salnés en Ribadumia con Cambados.

Segundo indicou a titular de Infraestruturas da Xunta as obras nestas dúas estrada autonómicas, que se executaron ao longo dun total de 13 km, consistiron na renovación do firme nos treitos que se atopaban nun estado máis desgastado e nos que era máis necesaria a súa mellora, co obxectivo de garantir a circulación e a seguridade viaria.
Sinalou que nesta intervención levouse a cabo, tamén, a renovación completa da capa de rodadura en toda a sección, incluíndo carrís e beiravías. E ademais procedeuse á reposición completa da sinalización horizontal en ambos treitos, a mellora da sinalización vertical, así como o balizamento e as defensas.

Subliñou que as obras iniciadas no mes de xuño e que tiñan un prazo de execución de 4 meses, atópanse xa rematadas cumprindo deste xeito co obxectivo de mellorar e é garantir a seguridade viaria e minimizando na súa execución a influencia na circulación do tráfico e afectando no mínimo posible ao mesmo.

Segundo abundou a titular de Infraestruturas esta actuación é un claro exemplo do esforzo da Xunta por manter a rede de estradas autonómicas nas mellores condicións e que está a desenvolver a través do Plan de reforzos de firme. Unha aposta do Goberno galego pola conservación das estradas de titularidade autonómicas e polo incremento da seguridade viaria, que ten o seu reflexo nos orzamentos de 2018, cun incremento moi importante na súa dotación, pasando de 15 a 20 millóns de euros.

Investimentos, remarcou, que demostran que para a Xunta a seguridade das estradas e a súa conservación son materias absolutamente prioritarias, “porque estamos a falar da vida das persoas e non hai nada por enriba diso”.
Ethel Vázquez ademais puxo o acento na importancia que para o seu departamento ten a execución de novas estradas como a conservación en bo estado das que existentes.

Avanzou que o seu departamento programa tamén que o Salnés se beneficie da estratexia de eliminación dos tramos de concentración de accidentes posto en marcha desde A Xunta, estando previstas actuacións en Sanxenxo, Cambados o Vilanova de Arousa, onde tamén se executará unha nova senda

Explicou que a Consellería de Infraestruturas está a realizar tamén importantes esforzos tamén a través do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 e, máis concretamente, en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con este tipo de obras de conservación extraordinarias.

En definitiva, concluíu, a Xunta segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

5 de setembro de 2018 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.