Ethel Vázquez avanza o remate este ano das obras de mellora e construción dunha senda peonil e ciclista na estrada entre Ares e Mugardos
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou hoxe a mellora da estrada AC-130, entre Ares e Mugardos, na que se están a acometer o seu acondicionamento e a construción dunha senda peonil e ciclista, que estarán rematadas este ano, cun investimento de 1,5 millóns de euros.
Vázquez Mourelle indicou que este conxunto de traballos ten como obxectivo canalizar de xeito seguro o tránsito peonil ou en bici e ordenar o tráfico nas zonas máis urbanas da senda para lograr unha estrada máis humana.
O Goberno galego está a executar unha senda de 3,7 km para conectar os núcleos urbanos de Mugardos e de Ares, partindo e finalizando este itinerario nas proximidades dos colexios existentes en ambos municipios.
O itinerario conta cun ancho de 2,75 metros e con franxa axardinada para separala da estrada e está construída en formigón coloreado nas zonas máis próximas a Ares e Mugardos, o que a fai máis facilmente visible polos vehículos que circulan pola estrada.
Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas de Galicia, que na comarca de Ferrol recolle a construción de 10 km de novos itinerarios cun investimento de 4 M€. Das sendas previstas, 2 están en servizo, a de Fene e a de Cabanas; estase a avanzar na de Ares e Mugardos; e segue a tramitación doutras dúas, a de Valdoviño e a de Franza-Rinlo, en Mugardos, para poder iniciar a contratación entre finais de ano e comezos de 2019.
Ethel Vázquez explicou que a Xunta está a aproveitar os traballos para realizar outras melloras que incrementarán a funcionalidade da estrada e redundarán en maior seguridade dos usuarios. Así, mellórase o trazado rectificando unha curva, ademais de acondicionar os accesos e cruces no contorno da senda e construír unha glorieta, na entrada de Ares, na intersección coa avenida pola que se accede á praia, na zona do Mazote.
Paralelamente, melloraranse os servizos cunha pasarela de madeira para darlle continuidade á senda sobre un rego existente; unha zona de aparcadoiro en Mugardos, no contorno da escola; e dúas paradas de autobús, unha en Ares e outra en Mugardos.
O Executivo autonómico continúa coa aposta por transformar estradas nas que domina o uso do automóbil en infraestruturas máis útiles e máis seguras para os peóns.