publicidade hoxe

Dáse a coñecer a proposta gañadora do concurso de ideas para o novo CAPD de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, deu a coñecer hoxe a proposta arquitectónica gañadora do concurso de ideas convocado pola Consellería de Política Social sobre o futuro Centro Residencial e de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense, que se levantará nunha parcela cedida polo concello no barrio de Barrocás. Neste acto de presentación tamén estivo presente a delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira.

Así, a idea gañadora por unanimidade do xurado é a denominada ‘Asiste.00’ realizada por Iglesias Veiga Arquitectos, na que se opta por un edificio que se asenta sobre o terreo en forma de peite creando patios abertos que organizan espazos ao redor deles cunha axeitada ventilación e iluminación. Estes espazos sitúanse a distintos niveis de tal xeito que se adaptan á pendente da parcela en que se emprazará este novo recurso ao tempo que se minimizan as escavacións.

Outra das características da proposta seleccionada é que o volume do edificio gradúase en forma de C, desde as plantas soto que albergan zonas de instalacións e traballo ata os dormitorios en plantas altas. En concreto, a proposta establece tres niveis de usos diferenciados. Os inferiores, destinados a zonas de instalacións e de traballo para o persoal do centro; o intermedio, onde sitúase a maior parte da actividade que terá o centro; e os niveles superiores que contén a zona de dormitorios. Ademais, cómpre indicar que a última planta destinada a dormitorios resérvase unha terraza cuberta para actividades ao ar libre que tamén serviría nun futuro para ampliar esta zona de habitacións.

En canto aos materiais construtivos óptase polo formigón armado na estrutura da edificación, fachadas resoltas mediante prefabricados de formigón armado branco, cubertas acabadas en lousa filtrón, ladrillo perforado para as divisións interiores, carpinterías exteriores de aluminio e acristalamentos. As solucións construtivas e estruturais teñen como finalidade reducir a demanda enerxética.

A actuación proposta abrangue unha superficie construída de aproximadamente 4.500 metros cadrados e o investimento prevese que acade os 5,5 millóns de euros. Así mesmo, intervén sobre o contorno da parcela, incluíndo zonas verdes e de aparcamento.

O seguinte paso da Xunta de Galicia é a redacción do proxecto básico e de execución a partir da idea gañadora e unha vez listo a licitación das obras. A proposta ‘Asiste.00’ de Iglesias Veiga Arquitectos foi unha das 15 que se presentaron a este concurso de ideas, quedando como segunda e terceira clasificadas as denominadas ‘Baixo3’ de Adolfo Agra Gutiérrez e ‘Socalcos’ do estudo Olkos, respectivamente.

13 de setembro de 2018 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.