Ángeles Vázquez: “As producións de cultivos alternativos son unha aposta segura para dinamizar o medio rural”
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, desprazouse esta mañá ata o concello de Begonte para visitar as instalacións da empresa Surexport Compañía Agraria S.L., que se dedica ao cultivo de froitos silvestres. Alí, a conselleira destacou o auxe que está tendo este tipo de producións alternativas, pois “son unha aposta segura para dinamizar o medio rural”.
Acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o alcalde, José Ulla, a conselleira interesouse polas producións que cultivan nunha parcela arrendada dun monte veciñal en man común, onde teñen 22 hectáreas dedicada a arandos, 17 ha a amorodos, seis ha a frambuesas e unha hectárea ao cultivo de moras.
“Este é un exemplo de diversificación, o que permite incrementar a oferta de produtos e ampliar o mercado”, matizou a titular de Medio Rural, que asegurou que o rural galego ten moito futuro con este tipo de producións. Así, nas dúas últimas convocatorias de plans de mellora orientados a este tipo de producións de hora, foron 126 os expedientes aprobados que supuxo unha axuda global de máis de 3 millóns de euros.
A conselleira aproveitou tamén para lembrar que este venres, 7 de setembro, remata o prazo para solicitar as axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal. Trátase dunha liña específica que sacou por primeira vez este ano a consellería para os cultivos de horta e que conta cun orzamento de 4 millóns de euros.
En Galicia existen arredor de 850 explotacións profesionais de horta baixo cuberta, con preto de 150 hectáreas de superficie de invernadoiros. Arredor da metade destas explotacións contan adicionalmente cunha superficie equivalente de produción ao aire libre. Doutra banda, son preto de 1.100 as hectáreas ao aire libre dedicada ao cultivo comercial de produtos de horta, aos que habería que engadir unhas 600 ha máis destinadas ao cultivo de grelo e faba.
Surexport Compañía Agraria
A compañía agraria Surexport ten unha parcela de 72 hectáreas no concello de Begonte e está a preparar outra que rolda as 30 hectáreas no concello de Cospeito, todo para o cultivo de froitos silvestres. Ademais, dispoñen dun almacén de manipulación de produto e preparación de pedidos no concello de Castro de Rei. En total, son preto de 280 as persoas que traballan para esta empresa en Galicia, pois a factoría conta tamén con outras plantacións situadas en Huelva, Marrocos, Portugal e Kenia.