publicidade hoxe

A Xunta recupera 80 hectáreas de soutos tradicionais con 9.500 castiñeiros en Folgoso do Courel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFolgoso do CourelLocal PortadaLugoPortada dereita
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, trasladouse hoxe ao concello de Folgoso do Courel para coñecer o proxecto que a Xunta está levando a cabo no municipio para a recuperación de soutos tradicionais de castaña. En concreto, esta iniciativa que se leva a cabo dende Medio Rural beneficia 80 hectáreas de terreo propiedade de ata un cento de particulares. A través dun investimento de 430.000 euros a consellería permitirá facer produtivos estes terreos nos que hai unhas 9.500 árbores.

Este proxecto ten coma obxectivo a posta en valor de dous soutos de lugares de Folgoso e Moreda, mediante a súa limpeza e recuperación para a produción sostible. A actuación, que comezou coa identificación de árbores e propietarios, está xa na súa segunda fase que pasa pola mellora dos viarios de acceso e o rozado das terras. Está previsto que no 2019 entre na súa última etapa coa poda das árbores e a mellora sanitaria das mesmas.

Estas actuacións foron presentadas polos técnicos aos veciños da zona que puideron coñecer os pasos que se van seguir neste proceso. No acto tamén participou a alcaldesa, Dolores Castro, e o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois.

Pola súa banda, a conselleira destacou que a loita contra o abandono de terras é un dos obxectivos da Xunta de Galicia. Por iso, dende o seu departamento, ademais dos instrumentos clásicos para a recuperación de terras como as reestruturacións parcelarias, se desenvolven outras iniciativas máis áxiles por toda Galicia como esta do Courel para poñer terreos a producir. “Seguramente o camiño máis eficaz para combater o abandono das nosas terras agrarias consiste en recuperar o seu potencial produtivo volvéndoas a cultivar”, declarou Ángeles Vázquez.

Así, entre outros exemplos, a consellería está recuperando praderías para pasto na comarca dos Ancares e de Sober, neste municipio ademais tamén se aposta pola plantación de cereais. En Arnoia recuperouse unha finca para a produción de pemento baixo esta denominación de orixe e en Cualedro e Oímbra a produción centrarase na plantación de cereais, leguminosas e viñedos. Neste caso en concreto, ademais, preténdese loitar contra os lumes xa que o proxecto se desenvolverá en terras afectadas por incendios forestais. Neste senso, a titular de Medio Rural sinalou que estes proxectos teñen entre os seus beneficios o de evitar a expansión de posibles lumes forestais por parcelas abandonadas.

“Estes proxectos, sen dúbida, servirán de acicate para outras zonas e outros emprazamentos, de maneira que a recuperación produtiva se converta nunha realidade palpable”, concluíu Ángeles Vázquez.

10 de setembro de 2018 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.