publicidade hoxe

A Xunta forma a persoal técnico para mellorar as habilidades de comunicación da mocidade nos ámbitos laboral e social

Cecilia Vázquez na presentación do curso

Cecilia Vázquez na presentación do curso

A Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, asistiu hoxe á presentación do curso ‘Adestramento en habilidades sociais e de comunicación para a mocidade’, que se desenvolve no Centro Coordinador de Información Xuvenil situado na cidade compostelá. Nesta acción formativa, organizada en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP), participan 20 técnicos e técnicas que traballan no ámbito da mocidade.

Na súa intervención, Cecilia Vázquez animou aos asistentes a sacarlle o máximo rendemento a esta acción formativa, pensado para técnicos e técnicas que traballan co colectivo xuvenil. Ao respecto, remarcou que a comunicación e as habilidades sociais “son fundamentais para interrelacionarse coa xente nova, xa que cada vez máis a ferramentas e os medios que empregan van cambiando”.

Así mesmo, a directora xeral explicou que entre os obxectivos do curso está o de “proporcionar ferramentas para mellorar o desempeño dos profesionais que traballan no ámbito da mocidade, para a realización de obradoiros que permitan mellorar as habilidades sociais e comunicativas deste colectivo tanto a nivel social como laboral”.

No curso impártense contidos relacionados cos tipos de habilidades sociais, abordando temáticas como: estilos de comunicación, comunicación non verbal, técnicas básicas para unha comunicación eficaz, escóitaa activa ou habilidades asertivas. Tamén se traballan diferentes dinámicas de presentación e coñecemento grupal, de escoita activa, para aprender a debater e reflexionar, de autoestima e de creatividade; así como xogos de expresión verbal e non verbal. Outro dos aspectos que se trata nesta acción formativa ten que ver coas emocións: identificación, aceptación, expresión e xestión das emocións; orixe das emocións; ferramentas para traballar as emocións e técnicas de relaxación.

O curso desenvolvese de forma presencial no Centro Coordinador de Información Xuvenil, en Santiago de Compostela os días 11, 13, 18 e 20 de setembro, en horarios de 9.30 ás 14.30 horas. Ten unha duración de 20 horas.

11 de setembro de 2018 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.