publicidade hoxe

A Xunta celebra o recoñecemento do Albariño de Cambados como a décima festa de interese turístico internacional en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta expresa a súa satisfacción logo de que a Festa do Albariño de Cambados veña de ser declarada de Interese Turístico Internacional, un recoñecemento polo que Galicia traballou nos últimos anos. A Comunidade suma así dez festas con esta distinción, a máxima que se pode acadar no eido turístico.

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo outorga esta declaración despois de que o Goberno galego remitira o correspondente expediente favorable, culminando o proceso que vén apoiando nos últimos anos. O Albariño de Cambados convértese así na primeira festa enogastronómica galega en ser recoñecida como de Interese Turístico Internacional.

Deste xeito, únese á festividade do Apóstolo Santiago, a Romaría Vikinga de Catoira, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, a Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), o Corpus Christi de Ponteareas, a Semana Santa de Viveiro, a Semana Santa de Ferrol, as Fogueiras do San Xoán da Coruña e a Festa da Arribada de Baiona.

No modelo turístico galego, estas celebracións ocupan un lugar destacado. Por iso, a Xunta mantén unha colaboración estable, dedicando tamén ao completo unha das 11 liñas da Estratexia de Turismo de Galicia 2020 a potenciar os valores que fan diferente o destino galego, onde se inclúe o coidado do enfoque turístico das celebracións festivas galegas.

A Festa do Albariño de Cambados trátase dunha das celebracións vitivinícolas máis antigas de Galicia e a segunda de España, que conseguiu afianzarse nos últimos anos como gran expoñente do potencial enogastronómico da Comunidade. É, ademais, pioneira xa que no seu día se converteu na segunda festividade de Galicia en ser declarada Festa de Interese Turístico Nacional e na primeira da provincia de Pontevedra en conseguilo.

Festas como o Albariño de Cambados son un dos máis importantes recursos turísticos cos que conta Galicia, que suma 141 distincións entre as de Interese Turístico Internacional (dez), as de Interese Turístico Nacional (11) e as de Interese Turístico de Galicia (120).

11 de setembro de 2018 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.