publicidade hoxe

A Xunta avanza nos traballos do conxunto intermodal de Pontevedra co fin de iniciar as obras en 2019

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedraPortada dereita
A-
A+

A Xunta avanza nos traballos do conxunto intermodal de Pontevedra coa fin de iniciar as obras en 2019, cun investimento de 5,5 millóns de euros. O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, detallou hoxe no Parlamento os pasos do seu departamento para avanzar na modernización destas infraestruturas estratéxicas e prioritarias para o Goberno galego.

Ignacio Maestro remontouse á xuntanza celebrada en febreiro de 2017 polo vicepresidente da Xunta, a Conselleira de Infraestruturas e Vivenda e o alcalde da cidade, para facer un repaso pormenorizado da moita xestión e amplo traballo feito desde o Goberno galego. E lembrou que na liña de colaboración necesaria co Concello de Pontevedra en agosto dese mesmo ano asinouse o convenio marco para a desenvolvemento da mellora das instalacións da estación de autobuses e a mellora da intermodalidade en Pontevedra, así como do tránsito de autobuses e peóns na contorna da estación de autobuses.

Mediante este convenio a Xunta asumiu o compromiso da redacción dos proxectos necesarios para a execución das obras, traballo acometido entre o último cuadrimestre do ano 2017 e principios deste mesmo ano. Tempo, indicou, no que se redactaron os pregos e licitaron e adxudicaron os contratos de servizos, para a redacción do proxecto construtivo da adecuación para a intermodalidade e para a redacción do proxecto para a reforma da estación de autobuses.

Adiantou que o resultado destes contratos e o traballo dos últimos meses permite ter xa un deseño definido e completo do complexo intermodal da cidade de Pontevedra, cuxos proxectos están a piques de rematar. E destacou entre as actuacións proxectadas a remodelación completa da estación de autobuses, o vínculo peonil a través dunha pasarela. entre a dársena da terminal de autobuses e a estación de ferrocarril, o novo acceso á estación de autobús sobre o río Gafos a través da rúa Josefina Arruti. E a integración do conxunto intermodal no seu contorno, coa recuperación de espazos verdes e a posta en valor do contorno do río Gafos.

Unha serie de actuacións, remarcou, coordinadas e complementarias que segundo subliñou permitirán a humanización do espazo para lograr un conxunto intermodal da cidade de de Pontevedra, máis humano, pensado para as persoas.

Precisou que as obras do conxunto de infraestruturas, para ás que a Xunta dispón dos fondos necesarios grazas a unha importante xestión ante a Unión Europea, suporán un investimento de 5,2 M de euros -que se eleva ata os case 5,5 M de euros ao ter en conta as asistencias técnicas necesarias-, dos que máis de 4 millóns serán achegados pola Xunta e aproximadamente 1 millón de euros polo Concello.

Salientou que o seguinte paso pasa por asinar un novo convenio co concello, que concrete os parámetros de desenvolvemento de todos estes traballos e que ratifique os compromisos xa asumidos po ambas administracións. Ao tempo desde Mobilidade se está a manter reunións periódicas cos responsables de Adif, para coordinar a parte de conexión peonil coa estación ferroviaria.

Concluíu informando que, ao tempo que se avanza no deseño e se ultiman os proxectos se está tamén adianta na tramitación administrativa, tendo xa trasladado un borrador de texto de convenio ao concello para poder asinalo canto antes e posibilitar así a licitación das obras, e cumprir o obxectivo de iniciar as obras do conxunto intermodal da cidade de Pontevedra no 2019.

13 de setembro de 2018 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.