A estrada de Ordes a Cerceda por Mercurín é máis moderna, segura e accesible para os usuarios
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde, José Luís Martínez, salientou hoxe o investimento de 2,3 millóns de euros no reforzo da seguridade viaria e a mobilidade de veciños e usuarios da estrada que vai de Ordes a Cerceda, por Mercurín.
Vázquez Mourelle enfatizou na súa visita para supervisar o remate desta ambiciosa actuación do seu departamento, que esta intervención supón mudar por completo a imaxe desta estrada, para poñer a disposición dos veciños e veciñas e dos seus usuarios unha estrada mellorada, modernizada, máis accesible e máis segura.
Trátase dunha infraestrutura clave para os concellos de Ordes e Cerceda, e tamén moi agardada polos seus veciños xa que por esta estrada circulan arredor de 2.500 vehículos ao día, moitos deles vehículos pesados.
Sinalou que a actuación fixo posible ensanchar e acondicionar esta estrada ao logo dun treito de 7 quilómetros, co obxectivo de acadar un ancho máis adaptado ás necesidades de mobilidade da zona, na que predomina o tráfico pesado. Estrada, engadiu, que constitúe un dos principais accesos para as empresas situadas no parque empresarial de Cerceda, entre as que destaca Sogama.
Segundo concretou, esta intervención permitiu ampliar a calzada ata os 9 metros de ancho, aumentándose os dous carrís e construíndo beiravías nas dúas marxes dun metro, ata agora inexistentes.
A conselleira quixo poñer tamén o acento nos traballos de mellora da seguridade viaria desenvoltos nesta estrada, que tamén incluíron a renovación do firme e actuacións sobre as principais interseccións, habilitando carrís de aceleración e desaceleración en determinados puntos para favorecer as incorporacións en condicións de maior seguridade e axilizar o tráfico. Tamén se construíron semiglorietas para facilitar os xiros e unha rotonda no acceso ás instalacións de Sogama para que os movementos se realicen coas máximas garantías de seguridade.
A titular de Infraestruturas da Xunta explicou ademais que o departamento que dirixe continuará coa aposta por reforzar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos de veciños e usuarios das estradas autonómicas ao seu paso polo concello. E tamén dos empregados que se desprazan cada día ata Sogama ou ata algunha das empresas do parque empresarial, así como dos locais e visitantes que se achegan ata o parque acuático de Cerceda.
E neste sentido destacou a vontade do seu departamento amosada no feito de ter asumido por parte da Xunta de Galicia a titularidade desta estrada, así como da actual circunvalación de Ordes.
Ethel Vázquez adiantou novos investimentos de máis de 1 millón de euros do departamento de Infraestruturas, como as melloras de firme que se executarán o vindeiro ano na AC-413 e AC-524, así como noutras estradas de titularidade autonómica na zona, que beneficiarán tamén aos municipios de Cerceda, Tordoia, Mesía ou Frades.
Ademais de subliñar que se está avanzando no proxecto para executar unha senda peonil, na AC-524, que chegará ata o futuro albergue de peregrinos, atendendo así a unha solicitude do alcalde.
En definitiva, concluíu, investimentos que teñen por obxecto facilitar o día a día dos veciños pero, ante todo, reforzar a seguridade viaria, que para a Xunta, é unha materia absolutamente prioritaria.