Un total de 14 centros impartirán por primeira vez o curso que vén Stembach, o bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Un total de 14 centros educativos galegos impartirán por primeira vez, o curso que vén 2018/19, o STEMbach, Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, creado ao abeiro da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020. Segundo os datos da resolución provisional –publicada na páxina web da Consellería de Cultura e Educación, no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/25697–, trátase de seis centros da provincia da Coruña, catro de Pontevedra, tres de Lugo e un de Ourense, que se converten nos institutos referentes en toda Galicia á hora de implantar este proxecto.

En concreto, os centros autorizados de xeito provisional son os seguintes:

CPR Plurilingüe Compañía de María. A Coruña
IES Agra do Orzán. A Coruña
IES Sofía Casanova. Ferrol
IES Plurilingüe Rosalía de Castro. Santiago de Compostela
IES Arcebispo Xelmírez II. Santiago de Compostela
IES María Casares. Oleiros
IES Lucus Augusti. Lugo
IES Nosa Sra. Dos Ollos Grandes. Lugo
IES Francisco Daviña Rey. Monforte de Lemos
IES Eduardo Blanco Amor. Ourense
IES Ramón Mª Aller Uloa. Lalín
IES Plurilingüe A Paralaia. Moaña
IES República Oriental de Uruguay. Vigo
IES A Sangriña. A Guarda

 

Vocación científico-tecnolóxica e conexión coa Universidade

O obxectivo deste bacharelato é promover a vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria, e tendo en conta a perspectiva de xénero. Ademais, favorécese unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica; así como o desenvolvemento da creatividade, do sentido da iniciativa ou do emprendemento e da resolución de problemas. Por outra banda, tamén axudará a mellorar as destrezas comunicativas e expresivas e proporcionará unha relación máis estreita entre profesorado e alumno.

Este bacharelato –pensado tanto para a modalidade de Humanidades como para a de Ciencias– permitirá unha conexión directa co ensino universitario, posto que o alumnado que o curse deberá desenvolver, no segundo curso, un proxecto de investigación individual ou colectivo con posterior defensa pública. Este proxecto, similar ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por un docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e será titorizado polos profesores que impartan a materia de afondamento STEM. De feito, e para cristalizar esta cooperación, asinarase un convenio de colaboración coas universidades participantes.

Materia extracurricular semanal

Ademais, o alumnado cursará algunha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Esta materia será a mesma nos dous cursos coa correspondente secuenciación curricular.

Así mesmo, realizará actividades complementarias de formación –organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia– como conferencias, obradoiros ou proxectos.

Ao final da etapa, e tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.

Espazos maker e STEMweek

Ademais do STEMbach, que é unha acción prioritaria dentro da estratexia STEM, o vindeiro curso poñeranse en marcha outras dúas novidosas. En primeiro lugar, a creación de 10 Espazos Maker nos propios centros educativos que fomentan a creatividade do alumnado baixo a máxima de “aprender facendo”. Trátase de espazos, que conlevarán dotación de equipamento específico e unha achega económica de 2.000 euros, destinados a alumnado, profesorado e incluso familias nos que poidan desenvolver proxectos mediante a experimentación.

En segundo lugar, entre finais de agosto e principios de setembro desenvolverase o primeiro campamento científico-tecnolóxico en inglés: a STEMweek. Nesta semana de inmersión STEM en inglés participarán arredor de 200 alumnos de 3º e 4º de ESO.

Semana STEM, robótica e clubs de ciencia

A maiores, no curso 2018/19 tamén se reforzan e amplían outras medidas vinculadas con este ámbito científico-tecnolóxico como son a Semana STEM (450 prazas), a extensión da Robótica en Primaria e os clubs de ciencia. Neste sentido, o obxectivo é duplicar os centros con Robótica nesta etapa, tendo en conta que na primeira experiencia do curso pasado alcanzáronse os 111 centros e 11.000 alumnos implicados. E no caso dos clubs de ciencia, preténdese pasar dos 30 aos 100. Estes espazos, para os cales a Consellería destina 1.500 euros, nacen como un lugar de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta ás súas curiosidades e aos seus intereses e resolver problemas.

Todas estas iniciativas, que manteñen a convocatoria aberta ata setembro salvo no caso da STEMweek, favorecen que Galicia teña a estratexia STEM máis ambiciosa de todo o Estado.

1 de agosto de 2018 | 14:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.