publicidade hoxe

Técnicos de Augas de Galicia eliminan un vertido de orixe industrial ao Río Grande en Coristanco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoristancoLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O labor inspector dos técnicos de Augas de Galicia permitiu eliminar recentemente un vertido de augas residuais procedente dunha instalación industrial localizada no lugar de A Baña, no concello de Coristanco (A Coruña).

Durante a primeira inspección que se fixo á empresa no marco do Plan de Control de Vertidos, detectouse que as augas residuais procedentes da propia instalación se vertían directamente ao dominio público hidráulico sen ningún tratamento previo. Estas augas estaban a afectar ao río Grande, un afluente do Anllóns, ao seu paso pola fábrica.

Como resultado das sucesivas inspeccións á zona e dos requirimentos feitos por Augas de Galicia, a empresa instalou un sistema de tratamento axeitado para garantir a correcta depuración das augas residuais que xeraba e tramitou ante o organismo de conca a correspondente autorización administrativa de vertido.

Cómpre lembrar que a detección e posterior eliminación deste foco contaminante foi posible grazas ás tarefas de inspección realizadas por Augas de Galicia no marco do Plan de Control de Vertidos ao dominio público hidráulico, unha ferramenta esencial para acadar a máxima calidade das augas na Demarcación Galicia-Costa e detectar e corrixir puntos sensibles localizados nas redes municipais de saneamento.

14 de agosto de 2018 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.