publicidade hoxe

O Arquivo de Galicia custodiará o fondo documental do Pazo de Pardiñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal PortadaPontevedraPortada dereita
A-
A+
Román Rodríguez durante o acto

Román Rodríguez durante o acto

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, agradeceu hoxe a xenerosidade e altura de miras da familia López López, propietaria do arquivo do Pazo de Pardiñas (Lalín) ao doar este fondo documental ao Arquivo de Galicia, localizado na Cidade da Cultura. O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia explicou que a decisión permite que este legado arquivístico inédito estea, de hoxe en adiante, a disposición do conxunto dos galegos e, con particular interese, dos investigadores. Neste sentido, fixo un chamamento a que esta conduta “exemplar e exemplarizante teña novos adeptos e poidamos seguir, entre todos, engrandecendo o Arquivo de Galicia e facendo país”.

Nestes momentos os fondos do Arquivo de Galicia están conformados por 163.840 caixas que ocupan un volume de 18.857,89 metros. As doazóns privadas representan aproximadamente un 1% sobre o total de fondos. A do de Pardiñas é a primeira doazón dun pazo ao Arquivo de Galicia.

No acto, ademais do conselleiro, participaron Roberto López López, doador do arquivo e outros familiares (Lourdes López López, Miguel Piñón Castro e Maruja Tábora); o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a subdirectora xeral de Arquivos, Marina García Pita, entre outros.

Román Rodríguez salientou, ademais, que o departamento que dirixe acaba de poñer en marcha unha liña de axudas para a dixitalización de fondos patrimoniais, dirixida a entidades públicas e organizacións privadas sen fins de lucro e que conta cun orzamento total de 800.000 euros. Esta actuación enmárcase na iniciativa Memoria dixital de Galicia para promover a conservación do fondo patrimonial galego e para facilitar o seu acceso universal, Isto garántese a través do portal http://www.galiciana.gal, posto en marcha o pasado mes de decembro co obxectivo de consolidarse como a porta de paso a todos os fondos dixitais das bibliotecas, arquivos e museos de Galicia.

Cinco séculos de historia

O arquivo familiar do Pazo de Pardiñas (Santa María de Noceda, Lalín), que custodiará a partir de agora o Arquivo de Galicia, atesoura material que dá testemuño de cinco séculos de historia, determinantes para a comarca do Deza pero tamén para o conxunto de Galicia. Non en balde, este legado permite achegarse á historia socioeconómica da Comunidade nas épocas moderna e contemporánea, o que o dota dun indubidable valor cultural. Así mesmo,
o conxunto doado ofrece información relevante para coñecer a historia da familia pacega e a evolución do seu patrimonio.

Concretamente, os documentos foron producidos polos diferentes membros da familia desde a orixe do pazo, no século XVI, ata 1942 e conforman un volume de 12 unidades de instalación. En xeral presentan un bo estado de conservación e están relacionados coa adquisición ou administración de propiedades (testamentos, árbores xenealóxicas, escrituras de compravenda e de doazón, memorias de bens, escrituras de partilla, apeos e prorrateos de bens, preitos…) tanto nas comarcas de Deza e Trasdeza como en terras do Ribeiro.

O pazo de Pardiñas, situado na parroquia de Santa María de Noceda, no concello de Lalín, foi fundado no século XVI por Gonzalo Taboada e Ulloa na granxa recibida pola herdanza de seu pai, Alonso Núñez de Taboada, señor de Bendoiro de Abaixo, á que foi incrementando diversas adquisicións ao longo da súa vida.

1 de agosto de 2018 | 14:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.