Ábrese o prazo de solicitude de axudas para a posta en marcha de 15 novas Casas Niño no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia abre maña e durante un mes o prazo de presentación de solicitudes para acollerse á nova convocatoria de axudas para a posta en marcha de 15 novas Casas Niño no rural, iniciativa que forma parte do Programa de apoio á natalidade da Consellería de Política Social. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a orde que regula a concesión destas axudas en réxime de concorrencia competitiva para o período comprendido entre os anos 2018 e 2021.

As Casas Niño son un recurso gratuíto para as familias destinado a atención de nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade nos concellos de menos de 5000 habitantes nos que non exista ningún outro servizo de atención continuada á infancia de 0 a 3 anos. Esta convocatoria, a terceira que habilita a Administración autonómica para subvencionar estes recursos, está dotada de 1.205.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Trátase dun recurso que se puxo en marcha por primeira vez en Galicia en 2016 coa entrada en funcionamento das primeiras 30 Casas Niño. A día de hoxe, tras a segunda convocatoria realizada o exercicio pasado, estanse a subvencionar xa 46 destes equipamentos, o que supón a dotación de 230 prazas de atención á infancia no rural galego. Esta cifra de Casas Niño poderá chegar ata as 61, cun total de 305 prazas, coa nova convocatoria que hoxe sae adiante e cuxa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) está prevista para a primeira quincena do presente mes de xullo. Así as cousas, sumando as tres ordes de axudas, o investimento da Xunta neste servizo ascende a 6,1 millóns de euros.

A novidade que presenta esta convocatoria de 2018 con respecto ás dúas anteriores, é que no suposto de que haxa unha demanda de prazas superior ás que se ofertan terán prioridade as solicitudes de mulleres vítimas de violencia de xénero empadroadas no concello no que se sitúe a Casa Niño ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade.

Cada Casa Niño atenderá un máximo de cinco nenos ou nenas, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade, dado que se esixe unha formación ou experiencia profesional específica e impóñense requisitos e normas de seguridade nas instalacións. Estes fogares ofrecerán unha atención integral e personalizada na modalidade de atención diúrna de luns a venres e as familias poderán levar aos nenos e nenas un máximo de oito horas diarias, nun horario que se pactará co/a profesional. O servizo comprenderá a atención específica das necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa idade e a contribución ao desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social do neno ou nena.

Esta liña de axudas está dirixida a persoas físicas e a cooperativas de traballo asociado que estean en posesión ou conten cunha persoa socia co título de técnico/a superior en educación infantil, co grao en mestre/a de educación infantil ou primaria, grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social. Tamén poderán optar aquelas persoas que posúan o diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das Casas Niño impartidos pola Xunta de Galicia, así como aquelas que presenten formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís, ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.

Por outra banda, quen concorra ás axudas, deberá residir nun núcleo rural no que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade e contar cunha vivenda dotada con sistema de calefacción con protección dos elementos calefactores; unha sala con iluminación e ventilación naturais e un mínimo de catro metros cadrados por menor; unha zona diferenciada para o descanso e a hixiene infantil e unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos; elementos de protección de enchufes, portas e ventás; e un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos. Ademais, deberán dispoñer dun plan de actuación cos nenos e nenas para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na Casa Niño. Así mesmo, os nenos e nenas que acudan deberán estar empadroados/as no concello no que se emprace este tipo de fogar, ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de 0 a 3 anos.

Concorrencia competitiva

As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva prestando atención, ademais de ao número de nenos e nenas que poderían beneficiarse do recurso, a factores como a dispersión xeográfica e ao envellecemento da poboación para contribuír á revitalización demográfica e á cohesión territorial. Así mesmo, e co obxecto de contribuír á integración laboral de persoas en situación de especial protección, recibirán unha puntuación adicional as persoas paradas de longa duración, as menores de 35 anos e maiores de 55 anos, as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% (sempre que esta sexa valorada como compatible co desempeño da actividade subvencionada polo órgano competente da Administración Autonómica), e as mulleres vítimas de violencia de xénero.

Esta convocatoria de axudas subvencionará a reforma e adaptación da vivenda así como o seu equipamento e dotación material e a prestación da atención personalizada de nenos e nenas de 0-3 anos. As axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100% dos gastos elixibles, cun límite máximo global por Casa Niño de 15.000 euros, mentres que a achega pola prestación da atención personalizada consistirá nunha prima de 19.600 euros/ano, destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andaina.

Esta terceira orde de axudas do programa das Casas Niño posibilitará a apertura de 15 novos recursos de conciliación, proporcionando no seu conxunto 75 novas prazas de atención á infancia de 0 a 3 anos no rural galego. Como resultado das dúas primeiras convocatoria de 2016 e 217 nestes momentos están en activo 46 Casas Niño dotadas cun total de 230 prazas: 3 situadas en concellos da provincia da Coruña, 13 en municipios da provincia lucense, 27 en localidades da provincia de Ourense e outras 3 en vilas pertencentes á provincia de Pontevedra.

Ademais de facilitar a atención á infancia e a conciliación da vida familiar e laboral, con esta actuación créanse oportunidades para atraer poboación nova ao rural galego, ao tempo que se fomenta o reequilibrio territorial e se impulsan e apoian as fórmulas de autoemprego e de economía social, eficaces para a dinamización económica local e, consecuentemente, para a fixación de poboación ao territorio. A día de hoxe hai en Galicia 50 concellos potenciais beneficiarios por cumprir os requisitos anteriormente mencionados.

Apoio ás familias

As Casas Niño son un dos recursos previstos na área de Conciliación do Programa de apoio á natalidade de Galicia (PAN Galicia) que a Xunta está a desenvolver desde do ano 2015. Un programa que conta con tres eixos de actuación: PAN Axudas, PAN Concilia e PAN Servizos. O obxectivo das actuacións recollidas no PAN Concilia é crear un ambiente social favorable no que non entren en conflito as responsabilidades parentais de coidado co acceso e permanencia no mercado de traballo, tanto mediante a posta a disposición de recursos como mediante o fomento da corresponsabilidade no fogar e da implicación empresarial.

O obxectivo é que no ano 2020 todos os concellos de Galicia conten cun recurso de conciliación. Neste sentido, as Casas Niño son un servizo específico para concellos de menos de 5000 habitantes que non dispoñen doutro recurso de atención á infancia que se complementa coa rede de escolas infantís da Galiña Azul, as prazas de 0 a 3 anos financiadas con fondos públicos en escolas tanto municipais como de iniciativa social e privadas, e o Bono Concilia. Hoxe en día Galicia supera en máis de 8 puntos a ratio aconsellada pola Unión Europea en canto a prazas de 0 a 3 anos cunha cobertura superior ao 41%.

1 de agosto de 2018 | 14:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.