Un total de 25 confrarías benefícianse das axudas para melloras das condicións de traballo e seguridade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das 25 confrarías de pescadores beneficiarias na convocatoria de 2018 das axudas para proxectos que contemplen a modernización de infraestruturas nos portos, lugares de desembarque e lonxas.

Estas achegas supoñen un investimento de máis de 850.000 euros e o seu obxectivo é mellorar a seguridade e as condicións de traballo dos profesionais que desenvolven a súa actividade nestes espazos.

Deste xeito, a Xunta colabora na financiación da adquisición de equipamentos destinados á mellora da operatividade dos portos pesqueiros relacionados coa descarga de pesca e co movementos de cargas dentro do porto.

Concretamente, financiaranse dous guindastres eléctricos, 23 carretillas elevadoras eléctricas, catro transpaletas eléctricas e 34 manuais e seis empilladores eléctricos. O equipamento é para 25 confrarías de pescadores de Galicia, 13 delas da provincia da Coruña, dúas da de Lugo e 10 da de Pontevedra.

As axudas enmárcanse no Programa de Equipamentos nos Portos Pesqueiros de Galicia, que inclúe aquelas intervencións precisas para dotar ou mellorar as instalacións que prestan servizos ás embarcacións, mariñeiros/as e mariscadores/as.

Convócanse atendendo ás demandas e necesidades do propio sector e tendo en conta que os portos e lonxas deben permitir a realización das operacións de pesca e primeira venda dos produtos con criterios de seguridade.

19 de xullo de 2018 | 14:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.