O Comité Técnico avalía as propostas presentadas para os premios Agader ás mellores iniciativas de desenvolvemento rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Comité Técnico reuniuse en Santiago para avaliar as propostas presentadas na novena edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural. Entre os principais criterios de valoración está o feito de como a iniciativa influíu na actividade económica do territorio e á creación do emprego.

O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, presidiu esta xuntanza e destacou a elevada cantidade de proxectos presentados, que demostran unha vez máis o potencial que ten o rural galego e que segue tendo interese para a poboación. Así, manifestou a importancia destas iniciativas no agro e a súa contribución a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada, permitindo ampliar os servizos dispoñibles nas rurais. O resultado deste proceso darase a coñecer despois do verán.

Neste certame hai un total de oito categorías: de mozos, para persoas de menos de 40 anos; cultural e de recuperación patrimonial do medio rural; de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; categoría de turismo; do sector agrogandeiro; de mulleres, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por elas; de innovación tecnolóxica e, por último, de loita contra o abandono de terras e a favor da súa mobilidade agraria.

En cada unha destas categorías o premio é de 10.000 euros que o gañador deberá reinvestir na iniciativa gañadora para realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias. Os participantes tiveron que executar un proxecto en Galicia que tivera contribuído de xeito singular a promocionar e dinamizar o medio rural.

20 de xullo de 2018 | 14:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.