publicidade hoxe

A Consellería do Mar investiu un millón de euros na dotación de abrigo e pantaláns no peirao de Fisterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFisterraLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de investir un millón de euros na dotación de maior abrigo e máis prazas de amarre para o peirao do municipio coruñés de Fisterra. Así o comunicou esta mañá a conselleira, Rosa Quintana, nunha visita á zona acompañada polo presidente do ente público, José Juan Durán.

A titular de Mar explicou que as obras executadas consistiron fundamentalmente na construción e instalación dun dique aboiante de 100 metros de lonxitude e de cinco metros de ancho. Tamén se inclúe unha ampliación dos pantaláns de atraque de embarcacións menores para conseguir 75 novas prazas, co que quedan habilitadas un total de 182.

Segundo explicou a conselleira, o dique aboiante está construido en formigón. Ao longo del instalaronse dúas torretas de servizos de auga e luz e unha de emerxencia. O acceso ata o dique realízase a través dunha pasarela articulada entre o peirao e a instalación aboiante.

En canto a ampliación dos pantaláns, nas novas prazas instaláronse fingers de aluminio para facilitar o atraque e incluíron tamén unha mellora das instalacións de auga e luz a través de novas torretas de servizo. Ademais en todas as liñas de pantalán hai tamén unha de emerxencia.

Rosa Quintana tamén sinalou que a día de hoxe as obras se atopan xa totalmente rematadas e operativas coa conseguinte mellora nas condicións de traballo dos profesionais do mar. Así mesmo, subliñou que esta actuación permitiu dar resposta ás necesidades do sector na zona, dando cabida ao total da frota que traballa na actualidade no porto fisterrán.

Finalmente, a conselleira do Mar puxo en valor o importante investimento realizado polo seu departamento para dar resposta ás necesidades históricas dos homes e das mulleres do mar de Fisterra. Neste sentido, expuxo que con este investimento, a Consellería do Mar e Portos de Galicia están a deixar proba do seu compromiso co desenvolvemento da actividade portuaria na comarca de Costa da Morte, concluíu.

2 de xullo de 2018 | 14:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.