Xunta e Cáritas Santiago afondan na loita contra a pobreza e a exclusión

Rey Varela na reunión con José Anuncio Muiño
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe un encontro no seu despacho de San Caetano, co responsable da delegación de Cáritas en Santiago, José Anuncio Muiño. No transcurso do mesmo, o titular autonómico destacou os obxectivos da Consellería de Política Social, coincidentes cos da asociación de Cáritas no que respecta á loita contra a pobreza, a exclusión, a intolerancia e a discriminación. “A integración plena de todas as persoas na sociedade só se conseguirá co traballo conxunto entre administracións e entidades do tecido social”, explicou Rey Varela. A xuntanza desta mañá tamén serviu para que Cáritas presentase ao titular das políticas socias do Goberno galego novos proxectos nos que está a traballar a entidade.
A delegación de Santiago abrangue unha ampla área de acción e conta con diversos centros de atención a persoas maiores, nenos, nenas e adolescentes e persoas en risco de exclusión social: residencia Meu lar (A Coruña), centro de día Sagrada Familia (A Coruña), centro de día Fogar de Bergantiños (Carballo), albergue de transeúntes San Javier, centro de atención social Vieiro (Santiago), centro de inclusión social e acollida básica San Cibrán (Vilagarcía de Arousa) e o comedor social Cáritas Arousa.
No pasado ano, a Xunta de Galicia realizou un investimento de 317.766 euros en Cáritas Santiago, unha cifra destinada na súa maior parte á realización de proxectos e financiar centros financiados a través da Orde de inclusión social.
O conselleiro destacou que a Administración autonómica mantén a súa colaboración coa entidade en toda Galicia “para facer realidade os seus obxectivos en prol dos colectivos máis desfavorecidos”, explicou. Unhas metas que pasan pola consecución dunha sociedade cohesionada e xusta onde todos participen, a través dun cambio significativo nas estruturas sociais económicas e políticas que producen pobreza e exclusión.
Cáritas Diocesana loita contra a pobreza e a exclusión social a través de catro dimensións: o servizo de acollida e axuda para persoas en situación de necesidades; o traballo de promoción e integración coas persoas en situación de pobreza e/ou exclusión social; tarefas de animación da comunidade; e compromiso a través da formación e sensibilización así como do desenvolvemento de programas nas dioceses con colectivos especialmente sensibles como é o de etnia xitana. Así mesmo, grazas ao seu esforzo diario, a entidade atende a milleiros familias, o que dá conta do seu compromiso coas persoas que máis o precisan.











