publicidade hoxe

Urbanismo e Concello de Vilaboa reúnense para sentar as bases da solución que garanta a aprobación parcial do PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaVilaboa
A-
A+

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e o alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo para analizar os seguintes pasos a dar desde o concello co fin de poder acadar a aprobación parcial do PXOM por parte da Xunta.

A intención do concello, segundo informou o rexedor na xuntanza, é dispoñer dunha nova proposta de plan xeral no prazo de dous meses. Unha vez teña este documento, no que o goberno local prevé incorporar as correccións sinaladas na orde de non aprobación emitida pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en maio de 2017, será remitido ao departamento autonómico para sometelo de novo á súa análise e valoración.

Cómpre lembrar que a reunión entre Encarnación Rivas e José Luis Poceiro prodúcese dez días despois de que Augas de Galicia lle remitira ao concello a súa valoración sobre o informe municipal presentado en maio e no que se analiza a poboación que actualmente conta con concesión de abastecemento.

Na análise da documentación facilitada polo concello, Augas concluíu que 3 das 5 parroquias de Vilaboa (que concentran o 73,74% da poboación municipal) contan con concesións suficientes para cubrir a demanda dos seus veciños. En cambio, nas dúas restantes non queda xustificada a existencia de concesións que atendan de forma suficiente a necesidade de abastecemento de auga.

Esta valoración, que lle foi trasladada de inmediato polo organismo de conca ao goberno local, abre a porta a unha aprobación parcial do PXOM de Vilaboa respecto dos núcleos que acreditan ter suficiente auga a través de concesións legalizadas.

Cómpre lembrar que contar con documentación acreditativa de que toda a poboación dispón de recursos de auga suficientes, tanto para facer fronte á demanda de auga actual como á futura, era unha das condicións que figuraban xa no informe de Augas emitido en 2016 sobre o PXOM de Vilaboa. Ademais, existe xurisprudencia recente que considera motivo de anulación dun planeamento que esta suficiencia de recursos hídricos non estea acreditada.

18 de xuño de 2018 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.