publicidade hoxe

Miro Villar presenta en Santiago o libro “Dorna Saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García”

dorna_saudal_edicions_fervenza

Portada do libro “Dorna Saudal”

A Sede de Afundación (Rúa do Vilar, nº 19 –Santiago de Compostela-) acolle o mércores 13 de xuño, ás 20.00 h, a presentación do libro “Dorna Saudal” publicado por Edicións Fervenza. Trátase dunha obra que recolle poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García dentro dun estudo, edición literaria e notas de Miro Villar.

O acto, organizado polo Ateneo de Santiago, estará aberto ao público ata completar aforo, o autor estará acompañado da profesora e vogal do Ateneo de Santiago, Pilar Sampedro; e do profesor e académico da Real Academia Galega, Francisco Fernández Rei.

A obra

“Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García” é unha compilación dos textos poéticos do escritor de Laxe que teñen relación co mar e en particular coa Costa da Morte ou «costa brava», topónimo este último que adoitaban reivindicar nesa altura fronte ao primeiro que veu de fóra coma unha creación do xornalismo sensacionalista por mor da traxedia dos naufraxios e das súas lendas.

Unha parte dos textos xa foi agrupada polo propio autor baixo o epígrafe «Dorna saudal» no seu único libro de poemas A roseira da soidade (1954) e o resto destes poemas publicouse en revistas e xornais da época nos moitos anos da súa diáspora bonaerense. 

O estudo introdutorio ábrese cunha breve anotación biográfica e unha análise do contido dos seus poemas descritivos do mar e da vida mariñeira, para rematar coa análise e un glosario do seu léxico mariñeiro. 

O autor 

Miro Villar (Cee, 1965). Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada coa Tese A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo. Profesor de lingua e literatura galegas, poeta, narrador e crítico literario en diversas revistas. Formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte e como poeta publicou Ausencias pretéritas (1992), 42 décimas de febre (1994), Abecedario da desolación (1997; premio Tívoli-Europa 1998), Equinoccio de primavera (1998; finalista do premio Tívoli-Europa 1999), Gameleiros (2002), As crebas (2011; premio Concello de Carral) e Breizh (2012). En narrativa e literatura infantil e xuvenil publicou a serie Carlota, a marmota (2000), Carlota e a bota perdida (2003); Carlota e a gaivota patiamarela (2006); O nariz de Fiz (2009), A cobiza do verme Noel (2011), Rebelión na charca (2012) e A pantasma da casa da Matanza (2013). No eido dos estudos literarios é autor de varias edicións críticas, como a Antoloxía poética de Gonzalo López Abente (1995), Unha lectura de O soño sulagado (1998), Roberto Blanco Torres. Orballo da medianoite (1998), A poesía galega de Xervasio Paz Lestón (1998), Indo para máis perto. A señardade no puño de Alexandre Cribeiro (2004), A roseira da soidade de Antón Zapata García (2005), Poesía galega completa e textos en prosa de Emilio Álvarez Blázquez (2005), Ser auga, darse en auga. Antoloxía poética de Bernardino Graña (2010), Bretemada, de Gonzalo López Abente (2011) ou Obra poética completa, de Gonzalo López Abente (2013), alén de ser coautor dos tomos de Publicacións periódicas e Obras no Dicionario da Literatura Galega (1997/1999) e, xunto a Xesús Alonso Montero, dos Textos e documentos para o congreso sobre García Lorca (1998).

12 de xuño de 2018 | 12:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.