publicidade hoxe

Galicia pecha un mes de maio moi seco no que se rexistraron a metade das precipitacións habituais da media histórica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Galicia rexistrou un mes de maio moi seco no que se recolleron a metade das precipitacións habituais con respecto da media histórica. Esta é a principal conclusión do informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia, no que se subliña a gran variabilidade que caracterizou este mes, con cambios bruscos entre períodos cálidos e secos e outros máis fríos e con precipitacións.

Esta situación foi xeneralizada no conxunto da comunidade, rexistrándose os valores máis baixos de chuvia acumulada no sur da provincia de A Coruña e na provincia de Pontevedra. A única excepción no tocante ás precipitacións foi a montaña lucense, onde a frecuencia de fenómenos tormentosos ao longo do mes fixo que a chuvia acumulada nesta zona superase os valores agardados.

Polo que respecta ás temperaturas, o mes de maio rexistrou valores normais para esta época do ano aínda que, ao igual que ocorreu no caso das chuvias, foi un período con fortes variacións térmicas. A modo de exemplo, en Ourense cidade MeteoGalicia contabilizou 8 días en maio nos que os termómetros non acadaron os 20 graos, mentres que houbo 7 xornadas nas que superaron os 29 graos.

En resumo, maio caracterizouse por ser un mes de contrastes e moita variabilidade tanto desde o punto de vista das temperaturas como das chuvias. As precipitacións rexistradas, en calquera caso, apareceron de forma xeneralizada en toda a comunidade, pero non de forma moi cuantiosa.

Esta situación explica que a temperatura media quedara moi preto da agardada para un mes de maio e que as precipitacións acumuladas foran escasas, situándose un 50% por debaixo do normal atendendo á comparativa co período 1981-2010.

6 de xuño de 2018 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.